Axenda da finde
En Carballo e a un paso, será esta unha finde festeira: verbenas, concertos, feiras medievais, rapa das bestas, e moito máis.
VENRES
Recital de Rosalía Fernández e Paco Souto. Pazo da Cultura. 20.30h. Baixo o título "Muros", Rosalía Fernández e Paco Souto recitan e poñen en escena, coa colaboración da artista plástica Chiña, varios poemas que teñen como fío condutor a natureza, de acordo coa temática que centra a mostra de artistas locais que neste momento ocupa o terceiro andar do Pazo, onde terá lugar o acto.
Actuación de Rodrigo Romaní. 22.30h. Praza do Concello. De balde. Rodrigo Romaní presenta en Carballo o seu último traballo, "Arpas de Breogán", mestura de composicións propias, adaptacións de temas populares e música cultura dedicada ao son da arpa céltica. Voces, arpas, contrabaixo e percusión mestúranse con outros sons como as ocarinas, as guimbardas e outros elementos de ambientación electrónica.
SÁBADO
Safari fotográfico. Lugares de interese paisaxístico de Carballo. De 10.00 a 14.00 h. A Concellaría de Turismo do Concello de Carballo organiza un Safari Fotográfico por algún dos lugares máis fermosos do concello, como a lagoa de Baldaio ou o mirador de Santa Irene de Castrillón. A actividade contará coa participación dun fotógrafo profesional, Eduardo Castro Bal, membro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña e da Asociación Fotográfica Posición B. É precisa inscrición previa. Máis info nesta ligazón.
Festival do solpor en Ponteceso. Sábado pola noite. O festival do Solpor de Ponteceso di nacer sen complexos e para quedarse, sen corsés e comungando con música de todas as especies: indie, hip-hop, rock, folk, dance… Será a partir das nove da noite na zona do Recheo. Están confirmadas as actuacións de Not Only Shills, Brandy Four, Daclown, Spider Krabs, 2Strings, Nando DJ, el colectivo Lestedance y CAM Studio. Podes conseguir entradas por whatsapp neste número: 617078961
SÁBADO E DOMINGO
Rapa das bestas de Vimianzo. A rapa das bestas será o domingo, no Campo da Areosa, mais xa o sábado haberá actividades: baixadas das bestas bravas polo monte, ás 9 da mañá, mostra de gando ás 11, ruta a cabalo polo val de Vimianzo ás seis da tarde, cea con chourizos ao viño e mexillóns as nove da noite e, ás dez, paso das bestas ao curro. Un grupo musical amenizará a noite. O domingo, ás 11 horas será o paso das bestas ao curro. Haberá sesión vermú con grupo musical e xantar tradicional e, ás 17.30, chegará o momento forte:mozos vimianceses saltarán ao curro para cortárllelas crins ás bestas bravas.
Carrilanas de Esteiro. É esta unha das nove festas de interese turístico da Costa da Morte. O sábado, ás sete da tarde, será a Pole Position. Pola noite, haberá verbena coa orquestra Iris e coa discoteca móbil Ebabylon. As carreiras terán lugar ao día seguinte pola tarde. Ás 19.00h., sairán as carrilanas das rapazas e rapaces. Ás 19.30, será a quenda das carrilanas lentas e, media hora máis tarde sairán as carrilanas rápidas. Pola noite, actuación do grupo Pintura plástica. Máis info aquí.
Mercado medieval en Corcubión. Dende o venres, ás seis da tarde, até o domingo, ás doce da noite, a vila costeira de Corcubión trasladarase ao esplendor do Reino medieval de Galicia. Nesta décimocuarta edición, o programa inclúe actuacións de música, malabarismo, humor e monicreques, entre outras moitas. Máis información nesta ligazón.
Festas do Carme
Festas do Carme: As do Carme son as festas grandes na parroquia de Oza. A orquesta Olimpus será a encargada, xunto coa discoteca móbil CDC, da verbena do venres. O sábado, haberá sesión vermú con Escaparate, que tamén actuará pola noite xunto cunha discoteca móbil. O domingo, cerrarán as festas coa sesión vermú a cargo do trío Memphis. A un paso, no resto da Costa da Morte, será finde de festas, en honor á patrona do mar, en Camariñas, Muros e Zas.