Nace en Carballo o movemento Surf & Clean
Serán diversas as iniciativas de concienciación sobre o problema dos residuos no mar, entre elas un peculiar legado de Tibu
Pegando o adhesivo nas táboas de surf
David Blanco é surfeiro dende os 19 anos. Hai cousa dun ano, cabalgando sobre as ondas de Menorca, fixouse en algo que non estaba alí o ano anterior: a cantidade de plásticos que ían dar ao mar. Comezou a indagar e deuse conta da inmensidade do problema, tanto que mesmo no Pacífico hai unha illa de plástico flotando cunha extensión similar a catro veces a do territorio francés. E non é a única. Consciente de que, se non formas parte da solución, es parte do problema, David decidiu actuar. Hai un ano impulsou a asociación Surf and Clean que, este verán, co apoio do concello de Carballo, quere despegar de maneira definitiva até converterse en todo un movemento. A mensaxe é sinxela, "Sempre que vaias surfear, recolle algo da praia", e é extensible a todo o conxunto da poboación, fagamos ou non surf: "Sempre que vaias ao mar, recolle algo da praia".
Os plásticos tardan centos de anos en biodegradarse, acaban tendo efectos perversos sobre o ecosistema e, desgastados até converterse en minúsculas partículas, son alimento de plancton e peixes e introdúcense na cadea trófica que remata no ser humano. Nos últimos 40 anos, afirma David Blanco botando man dos datos de plasticseurope.org, produciuse máis plástico que en toda a historia da humanidade.
Crowfunding para gravar a canción-lema
Nagai Puntiverio, surfista implicado co proxecto
O movemento Surf and Clean nace nas praias de Razo e Baldaio, importante lugar de práctica surfeira da costa galega. Conta co impulso do concello e coa colaboración das catro escolas de surf da zona: Surf & Rock, Art Surfcamp, 7 feet Surfcamp e Raz Surfcamp.
A idea é crear, entre as persoas que practican surf, un hábito que se extenda ao conxunto da sociedade e tamén a outras praias. Quérese que as e os surfeiros dean exemplo e, así, actúen de prescriptores, ante o conxunto da sociedade. O movemento nace na costa carballesa mais con vocación de estenderse a outras zonas.
Durante os meses de xullo e agosto levarán a cabo diversas accións, entre as que destacan obradoiros semanais nas escolas de surf, o concurso fotográfico "Colabora co movemento Surf and Clean" e a gravación da canción "Non botes o lixo no mar", que será financiada cunha campaña de crowfunding.
Legado de Tibu ecolóxico
Obradoiro de percusión con lixo
O certame concurso fotográfico inspirarase no "Legado de Tibu": pediráselles ás persoas que participen que nomeen outras tres para que tamén tomen parte, sacándose unha foto mentres recollen lixo da praia. As fotos das e dos participantes utilizaranse para crear un símbolo en Razo-Baldaio. As 10 imaxes mais votadas de cada rede social exporanse en Carballo e sortearanse 5 packs de premios, conformados por sudadoiro e mais un set de parafinas). Poderase participar a través de facebook, twitter e instagram.
A ritmo de samba gravarase, con todas as persoas que asistan aos obradoiros, a canción "Non botes lixo ao mar", na que se empregará como elementos de percusións o propio lixo recollido. Será a banda sonora do movemento e, para sacala adiante, botarase a andar unha campaña de crowfunding.
Mais as actividades que se organizarán ao longo do verán non rematan aí: pegaranse adhesivos co lema do movemento nas táboas das e dos surfeiros participantes, haberá recollidas periódicas nas praias de Razo e de Baldaio, participarase en festivais de música da zona como o sereas e piratas e, ademais, distribuiranse adhesivos en todos os comercios locais para que fagan extensiva a iniciativa ao conxunto da sociedade.