"Que o galego non chegue sequera ao 5% dos nenos e nenas nas principais cidades do país é tremendo"
Nel Vidal, técnico de Normalización de Carballo e presidente da CTNL, que organiza coa UDC o curso de verán sobre dinamización lingüística
Este mércores comeza en Carballo a décima edición do curso de verán sobre dinamización lingüística que organizan na nosa vila a Universidade da Coruña e a CTNL, a Coordinadora das e dos técnicos de normalización da lingua. O tema que centrará o encontro este ano, a transmisión interxeracional, é tan espiñento como crucial para o futuro da lingua. Mentres que a gran maioría das persoas maiores de 65 anos, case o 90% usan o galego, menos do 20% das e dos menores de 14 anos o falan e non chega ao 5% a porcentaxe de cativos e cativas que o empregan nas dúas grandes cidades do país: A Coruña e Vigo.
-Como xurdiu a idea de dedicarlle esta edición do curso de verán á transmisión interxeracional?
-Cada ano, céntrase o curso nunha temática concreta na que consideramos que hai que incidir no traballo para a normalización lingüística. Xa levamos un tempo dándolle voltas á transmisión interxeracional como punto fundamental para a normalización lingüística. É aí onde está a gran fractura, o gran problema do galego, como causa e como consecuencia, na transmisión interxeracional. Ás xeracións máis novas, ou non se lles transmite, nalgúns casos, ou non o utilizan na práctica como lingua de uso normal.
-Pode ser que os pais e as nais lles falen en galego aos nenos, mais…
-Si, hai nais e pais que intentar transmitir o galego mais aínda así non o conseguen. Posiblemente o que máis inflúe sexa a lingua do grupo dese neno ou desa nena, o seu espazo de relación entre iguais. O que hai que analizar é como podemos intervir aí para cambiar esa situación.
-Que datos nos amosan esa ruptura da transmisión interxeracional?
-No curso veremos os últimos datos máis exactos que nos traerá, dende a Real Academia Galega, Xaquín Loredo. Sabemos que o galego é a lingua claramente maioritaria da poboación maior de 65 anos. Case o 90% deste sector ten o galego como lingua de uso habitual. Porén, esa cifra está por baixo do 20% nos menores de 14 anos. Temos unha liña descendente perigosísima. É tremenda esa fractura, que se produce no conxunto do país mais é precisamente onde máis poboación nova vive, nas vilas e nas grandes cidades, onde esa porcentaxe é moi inferior ao 20%. En Vigo ou na Coruña, andan as porcentaxes ao redor do 5%. Son cifras de extinción. En lugares máis rurais ou vilas pequeniñas aí si que o galego segue sendo a lingua maioritaria mesmo na poboación máis nova pero non é onde está a maioría da poboación. Que o galego non chegue sequera ao 5% dos nenos e nenas nas principais cidades do país é tremendo. Ou dámoslle unha volta a isto ou dámolo por imposible.
-Como se lle pode dar unha volta?
-Iso é o que temos que analizar. A normalización lingüística é un proceso social que ten que ser asumido polo conxunto da cidadanía. Ten que ser a cidadanía a que diga se queremos que o galego sexa a lingua de uso, e se é así, temos que usalo. E iso non é sinxelo. Temos que crear espazos, desenvolver accións e situacións favorables para que a cidadanía poida ir asumindo iso.
"Unha persoa non é libre de falar un idioma se non o coñece. Iso é o que está facendo agora o ensino con respecto ao galego."
-De que tipo?
-De moitos tipos, supoño. Porque se souberamos o remedio para o problema xa o intentariamos aplicar. O problema é que non hai fórmulas máxicas. Canto á administración, é necesario que a lexislación sexa favorable. Por exemplo, no ámbito do ensino, co último Decreto do Plurilingüismo, que prohibe o ensino en galego de diversas materias ou que deixa o galego como residual en infantil é moi difícil dar pasos. Mais, aínda que a lexislación fose favorable, non chegaría. Fai falta concienciación, crear espazos favorables no que se poidan xerar eses ámbitos de uso do galego.
-A Mesa pola Normalizacion Lingüística sacou á luz o dato de que só un 3% de escolas de infantil usaban o galego nas sete grandes cidades…
-Eses datas da Mesa amosan o que implica o Decreto do Plurilingüismo, que intenta facerse cunha trampa da democracia. Nun centro de ensino no que o 49% queira que o ensino de infantil sexa en galego, vaise impor o ensino en castelán. A eses nenos e nenas nin sequera lle da a posibilidade de usar o galego. Para que haxa liberdade para o uso de calquera idioma, tes que ter oportunidade de coñecelo. Unha persoa non é libre de falar un idioma se non o coñece. Iso é o que está facendo agora o ensino con respecto ao galego. Estalles coartando aos nenos e nenas a liberdade de poderen elixir o galego, porque non teñen a oportunidade de ter a competencia necesaria para usalo.
-E cun panorama tan complexo, de que maneira lle metestes o dente á problemática nas xornadas?
-Coñeceremos a experiencia doutras realidades como o catalán do País Valenciá ou da transmisión interxeracional do éuskaro en Navarra. Imos ver tamén diversas experiencias para avalialas, para saber onde están os erros e os acertos, e haberá tamén debates, como o que terá lugar con nais e pais que lle transmiten o galego aos seus fillos pero non conseguen que o falen.
"En Vigo ou na Coruña, andan as porcentaxes de uso do galego en menores de 14 anos ao redor do 5%. Son cifras de extinción."
-Faredes unha proposta conxunta ti, como técnico de normalización de Carballo, coas técnicas de normalización de Santiago, Ames e de Pontevedra...
-Nós imos facer unha proposta inicial ao respecto do que, dende un concello se pode facer para mellorar esa transmisión interxeracional. Imos presentar un plan de actuación e unha campaña en diferentes ámbitos (no lecer, nas propostas formativas, en campañas de formación…) No propio curso, a través dos grupos de traballo, será analizada entre todos e todas, para que saia unha proposta máis concreta e consensuada. A idea é poñela en práctica nos vindeiros meses.
-Que nos poden ensinar a experiencia catalá e vasca? Hai uns anos partían dunha situación peor á nosa, cunha porcentaxe de falantes moi inferior á do galego, mais porén agora os niveis de recuperación da lingua son moi superiores…
-No caso do catalán partían dunha situación peor, e no caso vasco, dunha situación moitísimo peor, tanto que hai corenta anos estaba en risco claro de desaparición. Mais hoxe en día, mentres a liña do uso do galego é descendente (menos dun 20% das e dos menores de 14 anos o usan) no caso do éuskaro é ao revés, é ascendente. A xente máis nova ten maior uso do éuskaro. É, pois, unha experiencia de algo que se fixo ben. No caso do catalán, a liña de recuperación tamén é ascendente, aínda que non tan pronunciada como no caso vasco porque a situación de partida en Cataluña era xa mellor. Emprenderon unha liña de recuperación que aquí non se levou a cabo e, ademais, a lingua neses contextos ocupaba espazos de prestixio e de poder dos que en Galicia estaba desposuída.
-Como está a situación en Carballo?
-Por un lado, ben, en comparación co resto do país, pois a ruptura interxeracional é menor. A situación é mellor que a doutras vilas da mesma dimensión. Pero, aínda así, segue habendo unha liña descendente no uso do do galego. Cada vez máis, os nenos e as nenas falan máis en castelán.