Cultura ao sol
A programación cultural do verán tráenos a voces como as de Rodrigo Romaní, Amancio Prada ou María do Ceo. Mais tamén ritmos máis alternativos, cine, maxia, arte e moito máis…
Rodrigo Romaní presentará "As Arpas de Breogán"
Carballo destaca como un dos concellos da Costa da Morte con máis intensa actividade cultural. Poderás comprobalo este verán. Música, teatro, cine, arte… encherán os meses estivais e, en especial, as tardiñas das fin de semana. Porque non hai cousa que preste mellor que, unha vez rematado o día de praia, viaxe ou, se non tocan vacacións, traballo, relaxarse escoitando unha boa actuación na Praza do Concello mentres o día esmorece. Tes aquí un avance, e no programa adxunto, datas e horarios en detalle.
Música
Novedades Carminha actuará no Festival Sereas e Piratas
Poderás escoitar na nosa vila algunha das voces máis coñecidas do panorama galego, tal é o caso de Rodrigo Romani, un referente da música folk galega (o 18 de xullo), ou Amancio Prada, con cancións que xa son un clásico por estas terras (o 8 de agosto), e mesmo do escenario portugués, da man dos fados de María do Ceo (1 de agosto).
Mais se o teu son outros estilos, se tiras ao indie, o punk ou o surf rock, convidámoste a dar unha volta polo festival Sereas e Piratas, onde poderás ver en directo a grupos como Delorean, Nudo Zurdo, Trajano, Arabian Evils, Novedades Carminha, Linda Guilala ou Tiki Phantoms, nun escenario ben fermoso: a praia de Razo nunha noite de agosto, a do día 2. E, tamén, en Carballo, terás oportunidade de coñecer algún dos novos valores galegos, como Begoña Riobó, a violinista galega con máis proxección, integrante das bandas de Carlos Nuñez, Susana Seivane, The Chieftains, Anxo Lorenzo ou Sondeseu, que actuará o venres 22 de agosto.
Programación infantil
Música para peques con Magín Blanco
Mais non hai vacacións ben organizadas se non se teñen en conta os gustos e preferencias da nosa xente miúda, @s peques. En Carballo poderán gozar con maxia, música e humor. As brincadeiras dos paiasos Pedro Brandariz e mais Fran Rei (que conforman "Os sete magníficos e mais un") arrancaronos o riso o 11 de xullo coa súa parodia circense. A música de Magín Blanco chegará a Carballo un pouco máis avanzado o mes, o 24 de xullo, co seu traballo "A nena e o grilo nun barquiño". Xa en agosto, o día 14, teremos oportunidade de sorprendernos co espectáculo de ilusionismo de Martin Andersen: un amplo e variado abano de maxia con caixas, aparatos, xogos falados e musicais
Libros, cine e arte
Manolo Rivas na Praza dos Libros 2013
O cine é xa un clásico nas noites do verán carballés, non só na vila senón tamén nas súas parroquias. A programación estival inclúe unha vintena de proxeccións, entre elas filmes como a galega Lobos de Arga ou a exitosa 8 apellidos vascos, e títulos como Gravity, Thor2, Zipi y Zape y el club de la canica, Caminando entre dinosaurios, Lego, Capitán Philips ou Futbolín.
O broche de ouro ao verán porao a xa tradicional Praza dos Libros, a nosa feira literaria e cultural, que terá lugar entre a feira do xoves 28 de agosto e o feirón do último domingo de mes, o 31. A Praza dos Libros, que se fai coincidir sempre coa feira de produtos agrícolas que, en Carballo, ten lugar todos os xoves e en domingos alternos, consegue, dende logo, un ambiente moi especial. Poderás coñecer a algún dos e das nosas artistas máis destacados ao mesmo tempo que das unha volta polo mercado, fas unhas compras polos nosos comercios, que abren de par en par nos días de feira, ou tomas unha tapiña nalgún dos nosos bares e tascas.
A arte virá da man das e dos nosos artistas locais, que culminan un intenso ano de traballo, no que participaron en iniciativas como o mediático proxecto de arte urbano Derrubando muros con pintura, coa tradicional exposición do San Xoán (no Pazo da Cultura até finais de xullo). Un total de 32 artistas, pertencentes ao recén creado colectivo "Crea formas", expoñen as súas obras ao redor do tópico "Arte e natureza".
De romaría
Sesión vermú na Festa do Bosque
Non terminarás de coñecer o verán carballés se non das unha volta polas súas verbenas. O concello énchese de celebracións pois cada unha das súas parroquias vístese de gala para facer de anfitrioa nas súas festas patronais.
O auxe das orquestras nos últimos anos entre xente de todas as idades, en particular a mocidade, fai que se convertan en puntos de encontro irrepetibles: nen@s, moz@s, parellas de sempre e xente xa sucada de enrugas, festexan á vez até altas horas da noite nas verbenas da zona.