"O contacto co público é a máxima gratificación despois dun concerto"
Iván Torres, vocalista de Efecto Pasillo
-Que é Efecto Pasillo e que é o "efecto pasillo"?
-Efecto Pasillo somos nós, unha banda das Palmas de Gran Canaria que se xuntou en 2007, que fai música positiva e optimista, que ama a música por enriba de todo. E o "efecto pasillo" é o efecto que se formaba naquel local de ensaio nos nosos comezos, cando parabamos a descansar e saiamos a coller aire na porta do local (era o tipico local rockeiro que ulía apestosamente) e formábase un corredor entre o local e o edificio que había en fronte, onde había moita corrente de aire.
-E de onde vén o nome do voso último disco: "El misterioso caso de…"?
-Tivemos unha etapa, entre este disco e o anterior, despois de ter composto todas as cancións que supostamente ían entrar, no que non sabiamos que ía pasar, cando ía saír o disco… E foi así como decidimos o nome.
-Visitades con moita frecuencia Galicia?
-Galicia é unha das zonas que máis visitamos. Ademais, a xente quérenos un montón, ou esa é a sensación que temos cada vez que vimos, e a nós danos moito gusto vir aquí. En calquera punto sentímonos super cómodos. Temos estado en Vigo, en Santiago, en Ourense…
-Vexo que coñecedes a xeografía galega. E algo de galego?
-Non, apenas. Só "Boas noites" e "Se chove que chova".
-Que tal se porta con vós o público galego?
-Iso que din de que o público galego é difícil porque non se move, creo que nós aínda non o percibimos. Algunha vez quizais botamos de menos que a xente se implicara máis nos concertos pero, cando terminamos, compénsase cos comentarios, cando se achegan a nós e nos din que lles encantou.
"Somos unha banda que fai música positiva e optimista, que ama a música por enriba de todo."
-Vós actuades este ano nunha das verbenas do San Xoán en Carballo. Sabedes do auxe do verbeneo en Galicia?
-Si. Participamos con Panorama nas galas contra o cáncer. Temos tamén amigos que cantaron en Panorama.
-Cal é a importancia que ten para vós o concerto en directo e o contacto co público? -
É primordial. Coidamos que hoxe en día o que máis se valora é o directo. É onde se ve o que fai o artista e, ademais, discos non se venden. E o contacto co público, sempre o temos en conta. Sempre que rematamos un concerto, despois duns dez ou quince minutos de descanso, algo de auga e de froita, baixamos e sacámonos fotos, asinamos autógrafos e atendemos con todo o cariño á xente que nos agardou. Gústanos moito que nos dean ese calor. Esa é a máxima gratificación que pode ter un despois dun concerto.