Axenda da finde
Esta finde, presentación do festival Sereas e Piratas con debut de Chicharrón, inauguración da mostra
VENRES
Fútbol. Ás 10 da mañá terá lugar, no campo de Fútbol As Eiroas, o X Torneo Internacional Alevín Futbol 8, como memorial a José Luis Vara Olveira.
Ás sete da tarde, celebrarase a final do XXIV Trofeo Concello de Carballo de Fútbol de Peñas, no campo de fútbol do Carral, en Sofán.
Inauguración da exposición "Arte e natureza". Pazo da Cultura. Terceiro andar. 20.30h. De que Carballo é unha vila con moita arte está quedando constancia este ano. As e os nosos artistas locais amosarannos, como veñen facendo nas últimas edicións do San Xoán, a evolución do seu traballo artístico. Serán unha trintena de creadores e creadoras as que exporán un total de 44 obras, dende fotografía e pintura até escultura e gravado.
Presentación do Festival Sereas e Piratas. A Barra Bar. 22.30h. De balde. Pouco a pouco fóronse sabendo máis e máis datos do que será o próximo Festival Sereas e Piratas, que se celebrará en Razo o 2 de agosto. Para festexar a presentación do programa, teremos o debut de Chicharrón, un novo grupo do que forman parte dous carballeses, Alberto, de Franc3s, e Diego, de Lowcos. O nome da banda é unha homenaxe ao falecido deseñador carballés Alberto Gende, algunha de cuxas obras está exposta no propio estabelecemento. Continuará a festa Niño Punk con música para facernos bailar.
Fútbol. As Eiroas. 10.00h. Comeza o sábado con máis fútbol. No Campo de Fútbol as Eiroas, prosegue o X Torneo Internacional Alevín Futbol 8, organizado polas Escolas Luis Calvo Sanz coa colaboración do Concello de Carballo.
Festival de Escola da Rúa. Praza do Concello. 18.00h. E o sábado pola tarde terá lugar outra cita clásica no final de curso, o festival do alumnado de música da Escola da Rúa, que dará conta das aprendizaxes realizadas ao longo do ano.
DOMINGO
E o domingo, comeza o San Xoán! As bombas de palenque anunciarano ás 12.00 do mediodía. Media hora despois, percorrerán as rúas da vila pasarrúas a cargo do grupo de gaitas de Cances. Ás oito e media tarde, actuará a banda municipal de Carballo na Praza do Concello e ás nove, tamén alí, será o pregón, que lerá un carballés ilustre, Alfonso Mariño Cotelo, xefe do Servizo de Oncoloxía Radioterápica do Centro Oncolóxico de Galicia.