Axenda da finde
Agárdanos teatro afeccionado, sendeirismo, rock e moita e boa comida na segunda e última finde do Carballo por Etapas.
VENRES
Sala A Reserva. Concerto de "Familia Caamagno". Sala A Reserva. 23.00 h. Este venres, se nada se torce, terá lugar o concerto que houbo ser suspendido a semana pasada debido a problemas de saúde dun dos membros do grupo. "Familia Caamagno" promete "rock&roll ao estilo ghañán-juardián". Dende que, en 2012 editaran as súas dúas primeiras referencias sonoras, convertéronse nunha das revelacións da música actual galega. Este 2014 comezárono co EP "Hai que andar cos tempos". Máis info aquí.
Teatro afeccionado con Ribeira do Anllóns. Pazo da Cultura. 21.00h. Pecha o programa do mes das letras en Carballo con teatro afeccionado. O grupo de teatro afeccionado da Asociación Cultural Coral Ribeira do Anllóns, dirixido por Javier Fraga, estrearase poñendo en escena tres pezas: "A moa", "Unha cousa pola outra" e "O testamento do Tío Nacho". A entrada ao acto será mediante invitación que proporciona a asociación.
SÁBADO
Sendeirismo por Fisterra. Pola mañá. As andainas pola Costa da Morte, as rutas que semana a semana, esta primavera, veñen organizando diversos concellos da Costa da Morte, recalan en Fisterra este sábado. Será unha ruta circular de 10,5 quilómetros, con principio e fin no faro de Fisterra. As e os camiñantes poderán visitar o monte Facho, a zona de Mar de Fóra, a Igrexa de Santa Mariña das Areas e a ermida de San Guillermo. A andaina comezará ás 10.00 e rematará ao mediodía.
DOMINGO
Día da bicicleta. Praza do Concello. 10.30h. Comeza en Carballo a tempada de rutas cicloturísticas que organizan La Voz de Galicia e Radio Voz. O punto de encontro será a praza do Concello ás 10.30h. O percorrido iniciarase ás 11 e pasará por diversas rúas da vila: Coruña, Praza de Galicia, Poñente, Perú, Haley, carril bici da estrada de Razo, Vilar de Uz, carril bici da rúa de Malpica, avenida Ponte da Pedra e de novo o Haley, onde se fará parada. Continuará polas rúas Luis Calvo, Barcelona, Fomento, Río Anllóns, Milagrosa, Berdillo, As Labradas, Añón de Bértoa, O Fondal, Ferradal, Vila de Negreira e Álvarez de Sotomaior, para rematar na Praza do Concello, onde terá lugar un sorteo de regalos
Sendeirismo. Camiños de Caión. A asociación ambiental Senda Nova estrea itinerario por terras de Caión. A ruta, que se adentrará tamén polas parroquias carballesas de Noicela e Rebordelos, amosaranos unha costa por veces suave, por outras escarpadas, e daranos a posibilidade de encontrarnos con castros, praias fósiles, pazos, santuarios e moito máis. O itinerario será circular e terá comezo e fin na vila de Caión. O venres é o último día para inscribirse. Cando, como e onde facelo, na web de Senda Nova.
TODA A FINDE
Carballo por etapas. Se, a pasada semana, non puideches saborear as tapas do Carballo por etapas, aínda poderás facelo esta finde. Un total de 21 locais hostaleiros da vila ofreceranche, a un euro, as mellores tapas, as máis orixinais e saborosas. Comeza o venres, de 20.00h a 22.00h., e prosegue o sábado e domingo, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00h. Toda a info aquí.