Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Finde de boa comida, pois iníciase o Carballo por Etapas, mais tamén de deporte, co I Autocross Carballo e o Campionato Galego de Voleibol Infantil.

SÁBADO

Andaina por Corcubión. Tras unha fin de semana de descanso, volven as andainas pola Costa da Morte que, nesta ocasión, recalarán no concello de Corcubión. Será unha andaina circular de 14 quilómetros con punto de saída na Praza de Castelao, ás dez da mañá, e remate no Campo do Rollo. Visitarán, entre outros lugares, o igrexario, o Cabo da Nasa, As Boleiras, Oliveira e o paseo marítimo.

I Autocross Carballo. Circuíto de Bértoa.  Abre a tempada no Circuíto de Bértoa co I Autocross Carballo, que organiza a escudaría Máis Motor. A proba será puntuable para o Campionato Galego e nela participarán uns 70 pilotos, entre eles subcampións de España como Juanjo Mol. Toda a info aquí.

Campionato Galego de Voleibol Infantil. Pavillón Carballo Calero. Carballo podería estar a un paso menos para contar cun equipo na Liga masculina Galega Infantil se todo vai ben o sábado. As Mariñas Oleiros, o Club Vigo Voleibol, o CV Narón Volea, os Franciscanos, o Santa María del Mar e a AD Xiria Varela Urbieta pelexarán para conseguir as dúas prazas que dan dereito a optar a próxima tempada a contar cun equipo na Liga Galega Infantil de Voleibol en categoría masculina.

Teatro. Coro Vagalume. 20.30. Pazo da Cultura. Será esta unha fin de semana de teatro afeccionado en Carballo. O Coro Vagaluma representará, ás 20.30, as pezas Os Cavernícolas e A lenda de Robin Hood no auditorio do Pazo da Cultura. A entrada será con invitación, chamando ao 645 930 038.

Festa latina. Pub Magic. 00.00 horas. Tralo éxito, hai un mes, da anterior festa latina, o Pub Magic decidiuse a repetir a experiencia. Haberá obradoiro de bachata, impartido por Roberto Cabero, da escola Soul e por un prezo de 3 euros (incluído o cóctel de benvida), e logo, festa até as cinco da mañá.

DOMINGO

Sendeirismo. Terras de Soneira. A asociación ambiental Senda Nova levaranos nesta ocasión polas terras altas de Soneira.  Poderemos visitar a férveda do Rabiñoso, que separa os concellos de Coristanco e de Zas, o alto do Pico da Meda e os cabaliños salvaxes que pastan neste monte, o Museo do Liño e o pazo de San Pedro de Follente.

Teatro. Coro Vagalume. Pazo da Cultura. 19.00 h. O Coro Vagalume agasallaranos de novo con teatro afeccionado o domingo. Nesta ocasión representará as obras A bela durminte e Os malandríns. Será no auditorio do Pazo. A entrada, con invitación, chamando ao 645 930 038.

TODA A FINDE

Carballo por etapas. Despois do bo sabor de boca que, en 2013, nos deixou a primeira edición do Carballo por Etapas, neste mes de maio repetimos de novo a iniciativa. Un total de 21 locais hostaleiros da vila ofreceranche, a un euro, as mellores tapas, as máis orixinais e saborosas.  Comeza o venres, de 20.00h a 22.00h., e prosegue o sábado e domingo, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00h. Toda a info aquí.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica