Axenda da finde
Esta será unha finde do máis concorrido na nosa vila, en especial o sábado. A celebración do Día das Letras, coincide co Pequebasquet, que reunirá en Carballo máis de 400 nenas e nenos de toda Galicia.
Venres: Festa das Letras
O 17 de maio comezará a celebrarse na nosa vila xa na véspera, coa Festa das Letras, no Pazo da Cultura a partir das nove da noite. Un festival que o será de música e palabras. A música contará co rop de García Mc, un dos rapeiros máis recoñecidos do país, e coa música festeira Os Tres Trebóns, con Xurxo Souto, voz dos Diplomáticos de Monte Alto, Antón Díaz e Fran Amil, que estarán acompañados de Xan Papaqueixos. A palabra estará protagonizada pola entrega do X premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores, que este ano foi para un xornalista da zona, José Casás García, e pola lectura da declaración “Polo futuro da nosa lingua, nós queremos usala hoxe e todos os días”, que elaboraron e lerán as mozas Cristina Fuentes, Sabela Lista e Andrea Loureiro en representación da voz da mocidade.
Sábado: letras, música e deporte
Na mañá do 17 de maio terá lugar a tradicional maratón de lectura, onde participarán representantes de varias colectivos da zona para darlle lectura, ao longo de máis de dúas horas ininterrumpidas, de 11.00 a 13.30, a fragmentos escritos por autores e autoras homenaxeados no 17 de maio, en especial, Xosé María Díaz Castro.
As e os peques poderán participar ese mesmo día no Concurso Infantil de Pintura Luís Calvo, unha iniciativa da asociación cultural Lumieira, e gozar coa representación do grupo Baobab Teatro, que actuará na Ludoteca ás 12.00. O día volverá rematar con música. Na Sala A Reserva haberá concerto dobre, con "Os amigos dos músicos" e "Burgas Beat".
Ese mesmo día tamén terá lugar o Pequebasquet, que forma parte dos actividades promocionais da Copa do Mundo de Baloncesto de 2014 e contará este ano cun convidado especial, Fernando Romay. Terá lugar ao longo da xornada do sábado no pabillón Carballo Calero. Esta cita deportiva traerá á capital bergantiñá a máis de 400 nenas e nenos de toda Galicia, entre 5 e 8 anos.
Domingo: sendeirismo pola Costa da Morte
O Camiño dos Faros, roteiro sendeirista que une Malpica e Fisterra á beira do mar, está chegando xa ao seu fin. Este domingo terá lugar a súa penúltima edición, que irá de Muxía a Nemiña, ao longo de 24 quilómetros. O punto de quedada será en Muxía ás nove da mañá.