Axenda da finde
Nesta fin de semana, teremos concerto de Bestlife, o humor de David Pérdomo, sendeirismo por Coristanco, Muxía e Camariñas, e máis presentacións nos bares de Contos de Taberna.
VENRES
Contos de taberna. Cafetaría Ágora. 20,30h. O xornalista Henrique Mariño e o artista plástico Mon Lendoiro, presentarannos o relato que fixeron para a Cafetaría Ágora, dentro da iniciativa Contos de Taberna, incluída dentro do programa Quedamos en Carballo, no que se inclúen unha serie de accións que promocionan de maneira conxunta a hostalería e a cultura local. Cunha consumición mínima de quince euros, poderás levar o conto para a casa.
Actuación de David Pérdomo. Sala A Reserva, 23.00h. David Pérdomo traeranos o seu característico humor este venres á Reserva. Pérdomo fíxose coñecido a través dos seus vídeos en youtube, nos que facía sátira de personaxes característicos da sociedade galega como o koruño, o lusista ou ou pijo.
En 2013, David Pérdomo fichou polo programa Vaya V, de V Televisión. As entradas anticipadas custan 5 euros e poden conseguirse na Reserva e na taberna O Patacón, en Carballo, no Submarino (Malpica) e no Malte (na Coruña).
SÁBADO
Andaina por Muxía. A quinta as andainas organizadas polos concellos da Costa da Morte decorrerá por terras de Muxía. A ruta, que leva por nome “Un paseo polas nubes”, levaranos a subir ao Monte Facho, dende onde poderemos contemplar unha panorámica única da comarca. O itinerario inclúe tamén un tramo costeiro por Lourido, o lugar onde se está a construír o parador de Muxía. O bus sairá da Praza do Concello ás nove. A actividade é de balde.
Contos de taberna. Cafetaría Valle Inclán, 20,30h. Alberto Ferreiro foi o único das e dos participantes na iniciativa Contos de taberna que escribiu e ao mesmo tempo ilustrou o seu relato, o que sen dúbida o fai unha proposta diferente e única.
Presentaránolo, e leránolo, o sábado,na cafetaría Valle Inclán. Son en total catorce os relatos que foron elaborados para outras tantas cafetarías e locais carballeses, baixo o pulo da Concellaría de Promoción Económica, e coa idea de aproveitar sinerxias na promoción hostaleira e a cultural.
Concerto de Bestlife. Sala A Reserva. 23.00h. O pop da banda ourensana Bestlife, nacida en 2012, chega ao local carballés este sábado. Presentarán na Sala A Reserva o que é o seu primeiro EP, “Taking you back home”. Son as súas cancións que amosan a sinxeleza como valor, con letras en inglés e unha mestura de pop inglés con sons americanos.
A entrada custa cinco euros e con ela poderás entrar a participar no sorteo dun instrumento feito polo luthier carballés Paoson Guitarras.
DOMINGO
Sendeirismo. Coristanco histórico. A asociación ambiental Senda Nova organiza para esta fin de semana unha das súas propostas para o Primavera en Ruta. A entidade levaranos nesta ocasión polo concello de Coristanco para amosarnos o rico patrimonio paisaxístico, arqueolóxico e histórico das parroquias de Seavia, Ferreira, Couso e Cuns.
O último día para inscribirse é o venres. A ruta irá acompañada doutras actividades paralelas e voluntarias, como "Apañados", consistente na recollida de lixo, e "Aprende con Evaristo", para mellor afondar no coñecemento da contorna. O prezo, seis euros (tres para menores de idade e persoas socias).
Sendeirismo. Camiño dos Faros. A sexta etapa do Camiño dos Faros irá dende Camariñas até Muxía. Será, con 32 quilómetros, a etapa máis longa deste roteiro sendeirista que une, ao longo de 200 quilómetros, Malpica e Fisterra. O grupo quedará en Muxía ás nove da mañá, desde onde se trasladarán en bus até o punto de partida, Camariñas.
TODA A FINDE
Primavera de cine. Até o 30 de xuño, Carballo será o lugar de Galicia onde máis barato será ir ao cine. Cun ticket d ecompra de calquera comercio de Carballo ou de calquera dos supermercados Gadis da Costa da Morte (Cee, Camariñas, Vimianzo, Baio, Carballo e A Laracha), poderás ir ao cine con outra persoa a un prezo reducido de 4,90 cada unha das entradas. O ticket deberá estar cuñado pola parte de atrás e é válido até quince días despois de efectuarse a compra. Quedan excluídas da campaña as películas de Warner, que non acepta descontos nos seus filmes as películas de Warner, que non acepta descontos nos seus filmes