Un San Xoán con moito rock
Hoxe é a noite do Rockin´, o primeiro dos festivais carballeses do verán, que estará encabezado pola banda valenciana Wau y los Arrrghs
Wau y los Arrrghs
Chega o Rockin´, o máis temperán dos festivais carballeses do verán. Será este venres, 27 de xuño, a partir das dez da noite, nun escenario habilitado no Rego da Balsa e de balde.
A programación do festival estará encabezada polo quinteto valenciano Wau y los Arrrghs, e completarase co dúo Idealipsticks, o trío madrileño The Government, os carballeses Apart e o Dj Ayrton Senna.
Será este o primeiro dos festivais carballeses do verán, unha estación semeada de concertos na vila bergantiñá, con citas tan coñecidas como o Festival Pop Up ou o Sereas e Piratas.
Versión salvaxe dos Brincos
Hai quen define a Wau y los Arrrghs como "os monstros do garage". Eles din de si mesmos que son unha banda de "sixties garage" ou "unha versión salvaxe dos Brincos". O seu é, en todo caso, un rock febril liderado polo carismático líder da banda, Wau.
En 2013 triunfaron co seu álbum "Todo roto", que foi descrito como rock and roll combinado con diversión, actitude e creatividade. Contan cun público fiel, que gusta de bailar e vociferar as súas letras.
Rock, garage, blues e soul
Eva e Jave (Rylen) crearon Idealipsticks na súa estadía na capital londinense. En 2009 publicaron "Radio Days", o seu primeiro traballo, que foi escollido como disco do ano por parte de varias publicacións e programas de radio e co que gañaron o festival Rock Villa de Madrid.
"Humanimal", que aparece en 2013, amosa as moitas fontes das que beben: dende o rock and roll e o garage até o blues e o soul.
Banda revelación
The Government foi considerada unha das bandas revelación de 2013. Provenientes das rúas madrileñas, a súa música, porén, ten claras influencias norteamericana.
Gañadores do recoñecido concurso da sala madrileña Gruta 77, o trío bota man dos ingredientes do soul, do garaje, do rhythm and blues, do punk e do rock da década dos 70.
Do propio ao rock e o indie internacional
Tamén actuarán nesta noite rockeira do San Xoán os carballeses Apart de o Dj Ayrton Senna. A Apart vímolos actuar no Carballo Interplay nun concerto con outras bandas locais como Arabian Evils e The Gentlemen. Nacida en 2013, a banda combina composicións propias con temas do rock e do indie internacional.