Carballo: o lugar de Galicia coas entradas de cine máis baratas
Cun ticket de compra de calquera comercio carballés, poderás ir ao cine por só 4,90 euros
Até o 30 de xuño, se contas cun ticket de compra de calquera comercio carballés ou dos supermercados Gadis da Costa da Morte (Cee, Camariñas, Vimianzo, Carballo e A Laracha) poderás ir ao cine en Carballo, ao Multicines Bergantiños, por só 4,90 euros, e conseguir ademais outra entrada co mesmo desconto para o teu ou á túa acompañante. Carballo é, pois, nestes momentos, o lugar de Galicia onde ir ao cine máis barato é.
Trátase da iniciativa "Primavera de Cine", unha nova acción enmarcada no programa "Quedamos en Carballo", co que, no noso concello, queremos promocionar de maneira conxunta a actividade cultural e comercial na vila. O ticket deberá estar debidamente selado pola parte traseira e é válido até quince días despois da data impresa no dorso. É dicir, se contas cun ticket de compra do 30 de xuño, poderás aproveitarte deste desconto até o 15 de xullo. Quedan excluídas da campaña as películas de Warner, pois a compañía non acepta este tipo de descontos nos seus filmes.
Así que, xa sabes, se es desas persoas que gustan do cine pero non van porque pensas que os prezos son prohibitivos, aproveita a ocasión. Anímaste a quedar en Carballo nesta Primavera de cine?