Cociñando Contos
Do 5 ao 9 de maio, a Semana do Libro e a Lectura reunirá contacontos, teatro, maxia, exposicións e obradoiros de música, artes plásticas e banda deseñada.
Din que os libros nos fan máis libres e por iso é importante que xa dende a infancia aprendamos a viaxar con este pasaporte cara a outros mundos mellores. A Semana do Libro e da Lectura, que este ano chega á súa novena edición baixo o lema "Cociñando contos", reunirá, segundo as previsións, preto de 2.500 nenos e nenas de Infantil e Primaria que, entre o 5 e o 9 de maio, pasarán polos obradoiros, actuacións e actividades diversas pensadas para descubrirlle ao público infantil o goce de ler.
O programa conta con dous bloques diferentes, de mañá e de tarde, que se desenvolverán no Pazo da Cultura. As actividades de mañá serán concertadas cos centros de ensino e as de tarde, que terán lugar a partir das 18.30 horas, estarán abertas a todo o público.
Entre lecturas, maxia e moita arte
"Preto de 2.500 nenos e nenas de Infantil e Primaria pasarán polos obradoiros, actuacións e actividades diversas pensadas para descubrirlles o goce de ler"
Protagonizarán as mañás a maxia do mago Martín Camiña, a arte de narrar do contacontos Celso Fernández Sanmartín, o teatro de Elefante Elegante e de Baobab e os obradoiros, a cargo de de creadores como o músico Antón Castro, o ilustrador Abraham Carreiro ou o pintor Mon Lendoiro.
Nas sesións abertas ao público, teremos de novo ao mago Martín Camiña, que actuará o luns, á contadora Soledad Felloza (o martes) e os contacontos teatrais de Trinketrinke, o mércores. O xoves, Andrea Bayer, fundadora de Baobab Teatro, correrá a cargo da sesión titulada "Comendo contos". E o venres, na clausura, visitaranos o clown Peter Punk, que estará acompañado por Brais das Hortas nunha aventura humorística e musical.
Saboreando nos libros
"O venres, na clausura, visitaranos o clown Peter Punk, que estará acompañado por Brais das Hortas nunha aventura humorística e musical"
O programa, organizado pola AS-PG e o Concello de Carballo, en colaboración coa Fundación Luis Calvo Sanz, complétase coa exposición "A que sabe este libro", da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, e con outras dúas mostras con libros cedidas polas editoriais e materias elaborados polo propio alumnado dos centros carballeses.
Á ambientación dos espazos do Pazo da Cultura contribuirán Lidia Cambón e Andrés Andrade, artistas locais que están a traballar tamén no proxecto de arte urbana "Derrubando muros con pintura", unha iniciativa na que participan convertendo en murais as paredes da antiga escola unitaria de Arrabales.