Carballo a un paso

Inicio // Que facer // Proposta de escapada // Un día en Carballo

Compartir:

Un día en Carballo

Pola mañá

Rúa Coruña

Non hai mellor forma de comezar o día que dándose un pequeno capricho. Por iso te animamos a iniciar a mañá indo de compras. A cita é ineludible en domingo de feira (o segundo, cuarto, e de habelo, quinto domingo do mes). A praza do Concello énchese de postos da xente dos arredores que vende aquí os produtos das súas colleitas na que é unha das feiras máis coñecidas dos arredores.

No centro atoparás así mesmo gran variedade de tendas. Aconsellámosche percorrer de vagar as rúas do Hórreo e da Coruña, e descansar das compras nalgunha terraciña. A dez minutos, no mercadiño do barrio da Milagrosa, nas proximidades do Forum, poderás atopar en días de feira dende roupa até calzado e complementos.

Así como non quere a cousa irás percorrendo o corazón da nosa vila. Podes aproveitar para ver os distintos puntos de interese do noso roteiro urbano: a praza de Galicia, a praza do Concello, a igrexa parroquial ou os diferentes vestixios dos felices anos vinte no noso concello: o xardín, a escola do xardín, o casino…

No Museo de Bergantiños, de visita gratuíta, atoparás tamén a oficina de información turística. O museo danos a coñecer o territorio, os recursos, a tradición agrícola e a historia de Carballo, e ten así mesmo unha sala dedicada ao pan de Carballo e outra, ao redor dunha lareira, á cociña tradicional.

E, para rematar a mañá, levámoste á beira do río Anllóns: até tres quilómetros de paseo fluvial, dende o núcleo urbano até bosques de carballos e vexetación de ribeira.

Pola tarde

Praia de Razo

Praia de Razo

Despois de gozar dunha boa comida degustando os produtos da zona nalgunha das nosas casas de xantar, é hora de poñer rumbo ao noso litoral. Revitalizante resulta pasar unha tarde na praia en Razo, areal aberto ao Atlántico e con todos os servizos, ou gozando da natureza a carón da lagoa de Baldaio ou dalgunha das pequenas calas e areais máis íntimos que atoparás entre a Pedra do Sal e Caión. Podes aproveitar para facer todo ou parte do noso roteiro a pé á beira do litoral.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica