"A filosofía de vida de Mucha e Nucha é moito desta zona, de xente brava e aberta"
Entrevistamos a Xosé Touriñán, un dos actores e humoristas galegos de máis éxito, aproveitando o seu paso polo Carballo Interplay.
Touriñán, ao seu paso polo Carballo Interplay
Xosé Antonio Touriñán é para moita xente, un máis da casa. A cotío entra nos nosos fogares co seu personaxe de Mucha na TVG e a veces semella que, por un buratiño na parede, está a espiar esas conversas e discusións diarias que dentro se producen para logo reproducilas. No Carballo Interplay falounos do seu código fonte audiovisual, as imaxes que o marcaron: dende o penalti errado de Djukic até o vídeo da "droga no Cola Cao", pasando polo Xabarín Club, Mareas Vivas, ou os anuncios de Gadis. Mesmo @s máis tecnófil@s pararon de emitir chíos no twitter para esmendrellarse de risa.
-Como viñeches dar ao Carballo Interplay?
-Foi idea de Sonia Méndez e de Sandra Lesta [a directora e a responsable de actividades paralelas do Carballo Interplay] Chamáronme e propuxéronme esta historia estraña e eu dixen, "como non?" Nunca escoitara falar do código fonte audiovisual, mais creo que é un formato moi bonito e no que queda moito por explorar neste modelo que consiste en contar con vídeos. Dixéronme que era a primeira vez que se fai en Galicia e en galego. A ver se saímos nos libros de texto!
-A última vez que estiveches en Carballo foi no FIOT, o noso festival internacional de teatro, nonsí?
-Si, na rúa dos Contos, na Sala Dublín. Non é fácil facer estas cousas hoxe. A miña admiración a Carballo. Tedes que sentirvos moi orgullosos tanto do FIOT, como da Rúa dos Contos, como de ser os primeiros en facer un festival de webseries en España. A pena é que igual non se valora todo o que se debía valorar nos tempos en que estamos. Os que non o temos, os que non vivimos en concellos onde se fagan este tipo de historias, valorámolo máis. Mimádeo e que sexa a primeira edición de moitas.
-O teu código fonte audiovisual é moi compartido por todos os galegos e as galegas…
-Sobre todo, no que toca ao Deportivo, da metade para arriba de Galicia. Pensei en facer algo para todo o mundo, para non aburrir, con vídeos que todos teñamos presentes. E eu creo que si, que hai un código fonte común de todos que seguramente traían moitos destes vídeos que amosei.
"Tedes que sentirvos moi orgullosos tanto do FIOT, como da Rúa dos Contos, como de ser os primeiros en facer un festival de webseries en España."
-A xente partíase de risa vendo o vídeo completo de José Tojeiro, o veciño de Cariño que, nos anos 90, denunciou ter sido roubado por unhas prostitutas que lle botaran droga no Cola-Cao…
-Eu vira peciñas da súa declaración pero toda a peza enteira paréceme marabillosa…
-E agora, Mucha e Nucha tamén é referente do noso código fonte común. Como conseguides, nos sketchs de Mucha e Nucha, que teñamos esa sensación de que entrades nas nosas casas e vixotar e reproducir escenas que nos son tan próximas?
- Á hora de crear personaxes, a min gústame traballar en xente que poida ser real. Mucha podería ser unha persoa real. Estamos entrando seguido nas vosas casas, normal que sexamos un máis da familia. A xente peculiar, cómica, simpática, como non lle vas abrir a porta da túa casa? Eu a Mucha abriríalle encantado. A Touriñán, que é máis serio, non, pero a Mucha e a Nucha, cando queiran vir…
-Como inflúe Bergantiños no voso imaxinario?
-Totalmente. Ardebullo é a comarca de Bergantiños seguramente. Aquí comezamos. En Carballo fixemos as primeiras actuacións. En Ponteceso, co Couto, temos unha relación moi estreita. Eu creo que a filosofía de vida de Mucha e Nucha é moito desta zona, da zona de costa, de xente brava e máis aberta que, ao mellor, no interior.
Touriñán, falando do seu imaxinario audiovisual
-Unha revelación foi saber que ver a Miguel de Lira, interpretando a Currás en Mareas Vivas, fixo que quixeras dedicarte a isto. -Creo que era a primeira vez que o contaba. Para min o referente é Miguel de Lira, e o seu personaxe de Currás, e tamén Chévere, e "Río Bravo", e ese tipo de teatro cómico…
-E o Xabarín Club tamén foi outro referente para ti, segundo comentaches…
-O Xabarín Club foi fundamental para ter claro cal é a miña lingua. Eran debuxos que molaban e eran en galego, e marcou a moita xente. Ogallá viñera outra tandada así para os rapaces de agora.
-Que vías pode abrir internet para o audiovisual galego?
- En internet non se traballa cos mesmos medios que nas televisións convencionais. É máis precario pero seguramente hai moita máis ilusión que no que se fai para a televisión, que son encargos, que son cousas que outros che marcan como as tes que facer. O bo da rede é que cada un fai o que quere. O Carballo Interplay actuou como eixo, como foco, como punto de encontro de xente que se dedica a isto, e está a facer que se fale deles durante ao menos unha semana ao ano, que se lle dea importancia a todo o que fan e que se descubra que hai un montón de xente traballando nestas cousas… Dicía Roger Casas que o futuro está aquí no Carballo Interplay. Igual dentro de dez anos, a xente que está aquí escoitando son os que dan as claves para seguir traballando neste oficio. Porque o mundo audiovisual vai cara aquí. Non vai cara á televisión.
-Facías referencia na túa intervención na falta de apoio das administracións á cultura. Está iso por detrás do feito de que se deixen de emitir programas como Tourilandia?
-Non sei se ten que ver o que se fai en televisión coa falta de medios. Sectores como o teatro ou a música estano pasando bastante máis mal. Nos recortes de programas, e na súa cancelación, tanto na TVG como noutras, seguramente ten máis que ver outro tipo de historias, outro tipo de negocios entre produtoras e canle, e seguramente tampouco lles gusta ter programas que poidan molestar. Mais, no caso de Tourilandia, ten máis que ver cos negocios entre produtoras e televisión.