Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Pequeno e listo como un gorrión

Compartir:

Pequeno e listo como un gorrión

A de Francisco ou a do Gorrión, o mítico ultramarinos carballés, fará este ano 55 anos.

Quen, que sexa de Carballo, non ten ido nalgunha ocasión á de Francisco da Ponte? É o noso ultramarinos máis mítico e practicamente único na súa especie. Este negocio familiar sobreviviu á competencia das cadeas de supermercados e fíxoo, non só resistindo, senón tamén  medrando e conservando a súa esencia: máis madrugador ca ningún outro, probablemente o máis veterano, e tamén o máis diferenciado: nada máis entrar podemos atopar produtos como as patacas finas de Carballo que as e os labregos lles venden directamente.

Carmen Varela, aos seus case oitenta anos, é a memoria viva do negocio, e con ela dá gusto falar, porque o sorriso non se borra da súa boca mentres recupera para nós a historia. É obvio que ten traballado moito, pero que tamén ten gozado arreo do seu traballo. Aínda hoxe, enloitada porque hai uns meses que morreu o seu home, Francisco García, baixa ao negocio, senta nunha cadeira e observa dende alí o continuo ir e vir de clientela.

Con media ducia de pratos

Na esquina das rúas Berdillo e Compostela comezaron

Na esquina das rúas Berdillo e Compostela comezaron

Carme lembra con claridade cando botaron a andar a tenda, con tan só media ducia de pratos e outra media ducia de cuncas. Francisco e mais ela acababan de casar e decidiron deixar a aldea (ela era de Malpica, de Cerqueda, e el un carpinteiro de Santa Irene de Castrillón, en Lema). O pai de Carme comproulles a "chave", o traspaso, dun ultramarinos situado na esquina entre as rúas Compostela e Berdillo, e alí comezaron a erguer a súa vida en común.

"Ti sabes o que é saír da aldea, sen saber nada, e poñerte cun negocio?", dinos Carme, mentres nos confesa que, cando veu a vivir para a vila, chorou un ano seguido. En todo caso, logo espiliron, porque a Francisco non tardaron en "bautizalo" no barrio. Tres clientes, Balbino, Lolecho e Tinos, quixeron facer brincadela e enganar ao taberneiro novato, dicíndolle que tomaran menos copas das que en realidade tomaran. Fixérono dunha vez pero non máis, porque na seguinte ocasión, Francisco optou por riscar unha raia cada vez que pedían algo e, cando o quixeron volver a enganar, non puideron. Saíron de alí dicindo: "É pequeno pero listo como un gorrión". E o alcume aínda se conserva medio século despois.

A tenda da esquina

Francisco e Carme, ao casar

Francisco e Carme, ao casar

Naquela esquina das rúas Compostela e Berdillo foilles ben. "Vendíamos o que queriamos", dinos Carme. Aquel era , e segue a ser, un estupendo cruce de camiños, e tamén parada dos buses de Pallas, que viñan  da estrada de Ordes, do lado da Silva e de Sofán, e de Franco, a liña que unía Carballo con Compostela. 

Tamén era aquela zona estratéxica nos días de feira, que por aqueles tempos nos que comezaron, duraban todo o día. Moi pretiño, onde agora está o edificio do Fórum, había unha ampla feira de gando con gran afluencia de tratantes, clientela e labregos e labregas que ían saber dos prezos para vender nas súas casas.

Lavando no Anllóns

A Francisco e a Carme custoulles deixar aquela esquina na que tan ben lles fora, pero fixérono pasados uns aniños. A uns metros, xunto a un poste da luz, vendíase un solar e decidiron comprar, edificalo, e trasladar para alí o negocio. Foi o seu, dinos Carme, o primeiro edificio daquela zona, que por aquel entón era todo herbal até o San  Martiño.  

Naqueles anos nos que Francisco e Carme abriron tenda en Carballo, o barrio tiña unha aparencia moi diferente á actual. Boa parte estaba sen construír, e non había edificios, senón casiñas, que tampouco contaban con auga corrente. As mulleres ían buscar auga á fonte coas súas sellas e lavaban no río, no Anllóns (porque tampouco chegaran aínda as lavadoras), deixaban a roupa a clareo na súa ribeira, e tendíana logo nunha carballeira que estaba situada na zona da feira do gando.

De cando se compraba ao fiado

Carme, subindo do almacén

Carme, subindo do almacén

Pouco a pouco, os tempos foron cambiando, e o Ultramarinos Francisco foi testemuño de primeira man. Carme fálanos dun punto de inflexión clave: a apertura da refinaría na Coruña. Antes, dinos Carme, a noiteboa non semellaba noiteboa porque non había diñeiro para celebrala. Cando os homes comezaron  a ir a traballar á Coruña, dinos, á volta do traballo paraban xa no ultramarinos a comprar.

Carme lémbrase de cómo se compraba ao fiado naqueles mundos de carestía e, tamén, de térenlle prestado cartos á xente que emigraba a Suíza para poderen pagar a viaxe, diñeiro que lle devolvían cando viñan de vacacións.  "Carballo fíxose co diñeiro da xente que foi ao estranxeiro", sentencia Carme.

A continuidade

Carme e os fillos que agora levan o negocio

Carme e os fillos que agora levan o negocio

Tan poucos cartos se movían naqueles anos nos que comezaron, que a xente non compraba o arroz en quilo nin un litro de aceite, senón en cuartillos ou libras. A de Francisco foi, tamén, a primeira casa da zona (e de Carballo, dinos Carme) que tivo televisión, do que se acordan ben os veciños e veciñas da contorna, que alí ían para poder vela.

Este ultramarinos que foi taberna, que foi hospedaxe, que mesmo tivo comedor no que facer vodas, garda anécdotas, seguro, para escribir un libro, como cando Francisco tivo que sacar os sacos de café de Portugal (que entón estaba intervido) pola fiestra para intentar esquivar aos gardas civís sen éxito. Mais o espazo desta reportaxe é limitado e o punto final chama á porta. Rematámola con esta que é a foto da continuidade: Carme, xunto cos dous fillos que agora levan o negocio, Manuel e Antonio, no mostrador un día de feirón en Carballo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica