Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "Un dos atractivos do teatro é que é fráxil, e...

Compartir:

"Un dos atractivos do teatro é que é fráxil, e iso fai que sexa único"

Artur Trillo, director da Aula de Teatro de Carballo

Artur Trillo, director da Aula de Teatro

Artur Trillo, director da Aula de Teatro

Efémero e feble, iso é o que fai máxico ao teatro, dinos Artur Trillo, o director da Aula de Teatro de Carballo. Ese caste de milagre leva desta vez o nome de Lisístrata, unha ousadía no contexto da Grecia clásica no que Aristófanes o escribiu. As mulleres, cansas de que os homes anden metidos en guerras, deciden procurar a paz mediante un curioso método: a folga sexual. Aquí vos avanzamos máis…  

-Xa falta un case nada para a estrea de Lisístrata e estades cos últimos preparativos. Dixéronvos moito iso "de moita merda"?

-Máis que cos últimos preparativos, estamos cos últimos ensaios, e aínda cheira a pintura e vense demasiado as costuras. Tamén é certo que, nos últimos ensaios, sobre todo nunha compañía de teatro afeccionado, e nalgunhas profesionais, é cando máis se adianta. A xente pon máis de si mesma, está máis concentrada pola conta que lles ten, e achega máis, e de aí que sexa máis efectiva non só nos ensaios senón en todo o que é a colaboración de atrezzo, escenografía, vestiario.

-Por que optaches por poñer en escea Lisístrata?

-Nos grupos de teatro afeccionado dáse un feito recorrente. Na maior parte dos lugares, a afluencia de participantes femininas e maior ca a de participantes masculinos. Chega un punto no que buscar obras onde haxa máis personaxes femininos que masculinos é un problema. Podes facer versións, e incluso chegar a que certas actrices poidan facer personaxes masculinos, cousa que non me gusta, nin a eles tampouco, nin ao público. Podes facer creación propia, pero é moi arriscado, porque escribes un texto para un determinado número de persoas e a veces dánselle de baixa, e resulta un pouquiño caótico. Por iso vas a certos textos que ti controlas que che permiten xogar con eles. Esta xa é a terceira vez que estreo Lisístrata. Xa o fixen hai doce ou trece anos en Cee, e hai oito ou nove en Boiro. É un texto sinxelo e moi divertido.

"Carballo ten unha programación de teatro estable, e un acontecemento puntual como o FIOT que é referencia para Galicia. Ademais de que a xente de Carballo vexa teatro, é fundamental que faga teatro, que haxa un certo movemento activo e que se involucre"

-Lisistrata é unha obra con moito poderío feminino, quizais adecuada para unha zona como Bergantiños ou a Costa da Morte onde as mulleres teñen moita forza…

-Si, de todas as formas, a mensaxe que hai de transfondo en Lisístrata é un pouco controvertida para os tempos de agora. Que as mulleres decidan tomar o goberno…, si, pero hai unha segunda realidade, que é o por que o fan e como o fan.

-Refíreste á folga sexual…

-A folga sexual non deixa de ser un chiste, unha broma que, ollo, para os tempos de Aristófanes era unha ousadía. Agora, non deixa de ser unha anécdota cómica.


-Aristófanes sa o cambio de roles para facer rir…

-Si, agora ben, isto é un divertimento. Eu xa lle dixen ao alumnado, ao comezo da obra, que non  o enfocase como que iamos falar da liberación feminina. Isto vai ser un entretemento. E escribín esta obra tamén porque era sinxelo facela.

Nun dos ensaios previos á estrea

Nun dos ensaios previos á estrea

-Para unha vila como Carballo, cal é a importancia que pode ter contar cunha Aula de Teatro afeccionado? 

-Eu penso que é vital. Carballo ten unha programación de teatro estable, e un acontecemento puntual como o FIOT que é referencia para Galicia. Ademais de que a xente de Carballo vexa teatro, é fundamental que faga teatro, que haxa un certo movemento activo e que se involucre. Eu penso que complementa a actividade teatral do concello.

-Por que animarías á xente a vir a ver Lisístrata?

-Porque está feita por veciños, xente con gusto por facer teatro e, sobre todo, porque se non ves, valo a perder, porque o teatro e efémero e punto. Cun grupo tan numeroso, de 24 actores, é moi difícil facer unha función a posteriori. Cadaquén ten a súa vida, e só con que falle unha persoa xa cae todo polo mar abaixo. Non é como a coral polifónica que, se de corenta, faltan dous, cantan igual. Para min ese é un dos atractivos do teatro, que é feble, fráxil, e iso fai que sexa único. Non é como no cine, que se non se grava hoxe grávase mañá.

"Está feita por veciños, xente con gusto por facer teatro e, se non ves, valo a perder, porque o teatro e efémero e punto. Cun grupo tan numeroso, de 24 actores, é moi difícil facer unha función a posteriori."

-Por que animarías á xente a participar da Aula de Teatro? 

-Eu penso que non van aprender grandes cousas nin moito menos. Gustaríame que viñeran a divertirse coa escusa de facer teatro, que veñan con ganas de xogar, a vir a facer doutro, e que nese proceso de ensaios se distancien da súa realidade durante un par de horas de ensaio. E ao mesmo tempo, que veñan a gozar facendo un traballo de equipo, este máis que outro, porque calquera peza que falle, cae. 

-Un divertimento que require constancia…

-Si, moita constancia, que é por onde rompen os grupos de teatro, pola falta de constancia. Na aula de teatro, hai, de feito, un grao de implicación moi irregular entre os participantes, e iso fai que se tarde máis en entregar un espectáculo. Tamén o problema foi que, ao  longo destes catro anos,  a nivel organizativo houbo cambios. O ano que empezamos, había só un grupo; logo foron dous, a diferentes horas, e despois volvemos a mesturalos. 

-De cara a anos vindeiros, cara a onde debe avanzar a Aula de Teatro?

-Non sei. Temos unha reunión agora co concello para enfocala e encamiñar cal é o futuro. Eu penso que tras esta fase de inicio, estes catro anos previos, ten que haber un cambio para un lado ou para outro, e definir máis o que queremos facer.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica