Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Máis dun cento de webseries presentáronse ao...

Compartir:

Máis dun cento de webseries presentáronse ao Carballo Interplay

O 1 de abril coñecerase a selección oficial, que vai ser potente: A organización ha de escoller entre 104 webseries chegadas de todo o Estado.

O Carballo Interplay promete rachar. É o primeiro festival de webseries do Estado e, ao seu arredor, está a suscitar non pouca expectación, e tamén expectativas. Aos pouquiños imos coñecendo máis novidades e algunha que outra sorpresa do CIP, que entra xa na súa conta atrás. Esta semana pechou o prazo de recepción de webseries e puidemos saber que foron máis dun cento as que se presentaron, de todas as partes do Estado e dos máis variados xéneros e, tamén, mesturas de xéneros, como non podía ser menos nun formato que bebe das novas formas de experimentación do audiovisual.  Non todas elas, porén, entrarán a concurso.  O 1 de abril coñeceremos a selección oficial, que poderemos ver en Carballo entre o 24 e o 27 de abril.

O Carballo Interplay conxugará exhibición de pezas, con reflexión, formación, actividades lúdicas e mesmo presentación de webseries como "dos más dos cinco", que conseguiu 340.000 reproducións tan só co seu capítulo piloto. Tal e como nos avanzaba a directora do CIP, Sonia Méndez, nesta entrevista, preténdese crear un ambiente no que se poida falar das novas tendencias do audiovisual, e máis en concreto, das webseries, de modo distendido, tomando unha caña ou  escoitando un dj.

Reflexión

Xosé Antonio Touriñán falará do imaxinario sobre Galicia en youtube

Xosé Antonio Touriñán falará do imaxinario sobre Galicia en youtube

Internet supón para o audiovisual un campo de experimentación tan frondoso, que se fai difícil afastarse das árbores para poder ver e reflexionar sobre o bosque. Mais este será un dos retos do Carballo Interplay: reflexionar sobre a historia en curso do audiovisual na rede. O CIP abordará, nunha mesa redonda, as novas narrativas audiovisuais da web con experimentadas voces do ámbito, como David Sáinz e Teresa Segura (da exitosa webserie Malviviendo), o director Felipe G. Gil e a guionista Lidia Fraga, con María Yáñez como moderadora. Nun ambiente máis distendido, na actividade "Vermú con CREA" (organizada pola asociación de directores e realizadores de Galicia, CREA, e mais pola organización do CIP) varios directores de webseries reuniranse, ao redor dun vermú, para falar de videocreación e webseries. 

Tampouco se pasará por alto un dos principais retos que hoxe en día teñen os proxectos na rede, o financiamento, cuestión que se abordará na master class sobre "branded content" que impartirá Roger Casas-Alatriste, e tamén da man de Julio Garma, que nos presentará o Freaklances Project, un proxecto de produción e distribución de webseries.  E ao contexto galego  remitiranos o  afamado humorista e actor Xosé Antonio Touriñán, quen fará unha "videocontada" ao redor do imaxinario audiovisual que, sobre Galicia, se proxecta en Youtube. Será, o seu, o primeiro Código Fonte Audiovisual que se celebre en Galicia, un formato híbrido entre conferencia e proxección que xa ten organizado o colectivo EMBED noutros puntos do Estado.

Diversión

Unicornibot é cabeza de cartel no concerto do sábado 26

Unicornibot é cabeza de cartel no concerto do sábado 26

A parte lúdica virá a golpe de concerto. O grupo estrela será Unicornibot, unha banda galega de puro rock instrumental, sen voz que o acompañe, con gran éxito no ámbito estatal e en medios especializados. Actuarán o sábado  26 nun concerto na Sala Dublín xunto con Calixta, que tamén están a dar que falar coa súa fórmula de rock, garage, sludge e grunge, e o divertido dj compostelán Bigote Mix.  Mais o CIP  tamén nos dará oportunidade de escoitar aos grupos locais, como non podía ser menos, tendo en conta o dinamismo da vila neste eido. O venres 25, poderemos escoitar o punk e o hardcore de Arabian Evils, o rock e o indie de Apart e mais a influencia das bandas anglófonas dos anos 60, 70 e 80 na música de Arabian Evils.

Formación

Gravando co obradoiro de webseries no Monte Neme

Gravando co obradoiro de webseries no Monte Neme

O CIP ten unha importante vertente formativa, que combina co lúdico. O festival quere facilitar a oportunidade de aprender non só mediante mesas redondas ou master class, non só mediante a interrelación  con persoas con ampla experiencia no ámbito do audiovisual na rede, senón tamén metendo as mans na masa. Ao longo do mes de marzo, celebrouse en Carballo un obradoiro gratuíto de webseries, a cargo do director Javi Camino. Ao longo de catro intensos sábados, crearon, guionizaron, rodaron e montaron, unha webserie de ciencia-ficción, a modo de falso documental, con escenarios carballeses como as lagoas das balsas mineiras que existen no cume do Monte Neme. Será presentada no propio Festival.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica