Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Primavera en Danza

Compartir:

Primavera en Danza

Do 4 ao 12 de abril poderemos asistir en Carballo a unha das poucas programacións de danza estables existentes en Galicia.

Nas vésperas do Día Internacional da Danza, o 29 de abril, Carballo traeranos un ano máis, e xa van doce, o seu "Primavera en Danza", unha das poucas programacións estables que en Galicia existen dedicada a esta manifestación artística, tan innovadora e creativa como pouco presente nos nosos escenarios. A programación deste ano vén potente. Teremos a todo un Premio Nacional de Danza, Chevi Muraday, que actuará coa coñecida actriz, e tamén bailarina, Marta Etura; a unha das compañías máis relevantes da danza infantil, Aracaladanza, e a tres espectáculos que serán mostra do talento galego: Full House e Magnificant, do Centro Coreográfico Galego e dúas pezas da Compañía Licenciada Sotelo e de Cristina Montero e Rut Balbís.

O Primavera en Danza quere contribuir a desmontar a imaxe elitista desta arte escénica, e farao cunha programación que lle dea cabida a todos os públicos, mesmo ao infantil, e coa organización de encontros coas e cos artistas despois de cada función. Realizaranse, ademais, presentacións de cada espectáculo en diferentes espazos públicos de Carballo, como o xardín municipal ou o instituto de ensino secundario Alfredo Brañas.

O Primavera en Danza, que está organizado pola Concelleria de Cultura e conta con financiamento da AGADIC (A Axencia Galega das Industrias Culturais) terá lugar do 4 ao 13 de abril, dez días intensos que darán acollida a cinco espectáculos,  nos que teremos a compañías emerxentes e consagradas; galegas e foráneas, para público adulto e para público infantil. As entradas estarán á venda no despacho de billetes do Pazo da Cultura dúas horas antes do inicio de cada actuación. Tamén se poden reservar, a partir do 25 de marzo, no teléfono 981 704 300 ou na Concellaría de Cultura (no Pazo). Existe, ademais, a posibilidade de mercar un bono por un prezo de 15 euros (12 euros con desconto, para persoas con carné de estudante, maiores de 65 anos e menores de 12, que tamén poderán comprar entradas individuais a prezo reducido). Aquí che adiantamos algún petisco de cada espectáculo, para que a boca se che vaia facendo auga.

Momento Blooming. Venres, 4 de abril. 21.00 h.

Rut Balbís e Cristina Montero, dúas destacadas creadoras e intérpretes da danza contemporánea galega, preséntanse como compañía coa obra Momento Blooming, un espectáculo crítico co mundo actual que promete achegarnos a solución aos nosos problemas financeiros. Sobre escea, realidade e ficción, momentos íntimos e persoais, inxenuidade e ensoñación.

Return. Sábado, 5 de abril. 20.30 h.

Teatro, danza e palabra xúntanse neste espectáculo da compañía madrileña Pentación S.L. que traerá a Carballo a Chevi Muraday, Premio Nacional de Danza 2006, e á actriz Marta Etura, ao compás dos textos do director Pablo Messiez. Unha obra sobre as relacións de parella, as emocións, os sentimentos e tamén as frustracións que se crean ao redor deste universo íntimo cando as nosas expectativas e as propias expectativas xeradas pola sociedade non se cumpren.

Silencio, por favor. Venres, 11 de abril. 21.00 h.

Son tantos os estímulos que se entremesturan e nos confunden na sociedade actual, tantos os ruídos que dificultan a comunicación, que o silencio convértese en súplica. Silencio, por favor, da Compañía Licenciada Sotelo, é un despregue de talento galego, que conxuga, ao redor dos movementos de Nuria Sotelo e Rut Balbís, a música en directo do cello de Macarena Montesinos, o tratamento electrónico do son, tamén en directo, os recursos audiovisuais e multimedia e o asesoramento conceptual de Carlos Arenal  e de Rebeca Baceiredo, gañadora en 2006 do Premio Ramón Piñeiro de ensaio.

Full House / Magnificant. Sábado, 12 de abril. 21.00 h.

O Centro Coreográfico Galego presentaranos as dúas coreografías creadas para esta entidade pública galega de creación, produción e investigación, por parte dous creadores de danza contemporánea de prestixio internacional: o sueco John Inger, autor da coreografía Full House, e o francés Amaury Legrun, con Magnificant, unha reposición elaborada en 2011 para o espectáculo 3Dtres. Tanto Legrun como Inger contan cunha sólida formación en danza clásica, que reinventan desestructurándoa e xogando con movementos novos, música e iluminación para crear unha innovadora linguaxe escénica.

Constelaciones. Domingo, 13 de abril. 19.30 h.

Non é a primeira vez que a compañía madrileña Arcaladanza, referente internacional da danza infantil, pisa os escenarios carballeses. Xa estiveran, con anterioridade, para presentarnos  as súas pezas coreográficas ao redor do universo pictórico de El Bosco e Magrit, e agora, recuncarán co último vértice desta triloxía, Constelaciones, dedicada ao pintor Joan Miró. Cores en movemento, imaxinación e humor buscarán transmitirnos as emocións do imaxinario do creador catalán.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica