Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Rockarballo: Carballo en concerto

Compartir:

Rockarballo: Carballo en concerto

Oito grupos carballeses actuarán hoxe no Pazo da Cultura, con estilos que van do rock, protagonista, ao garage, o funk ou indie.

Apetéceche coñecer o que se coce musicalmente na vila? Hoxe terás oportunidade de facelo en Rockarballo, ás nove da noite no Pazo da Cultura, con todo un menú degustación de bandas carballesas. Sobre o escenario, grupos veteranos, como Killer Cats, Dude ou The Cerne, con noveis, como Kids ou The Gentlemen; temas propios e intimistas, como os que nos ofrecerá Tinperis, ou grandes temas que forman parte da nosa memoria musical, como os que nos traerá Versión Imposible. E, sobre todo, un abano amplo de estilos: dende o rock até o garage, o indie ou o pop electrónico de The Lowcos.

Novas voces

Cada grupo poñerá sobre escena catro cancións e traeranos algunha que outra novidade. Versión Imposible, que ten preparado un repertorio recuperado das bandas de pop rock españolas dos 80, como a Unión, Nacha Pop ou Los Secretos,  estreará nova voz, José Manuel Pena Cameán, a quen puidemos ver con anterioridade noutros grupos carballeses como The Cerne. Por certo, desta banda, The Cerne, tamén poderemos escoitar a súa nova voz, Estefanía Villar, que sorprendeu e atrapou complicidades co público no concerto benéfico da semana pasada na Sala  Dublín. The Cerne interpretará no auditorio do Pazo  a Gary Moore, 4 Non Blondes, Dooby Brothers e Shania Twain.

O rock, protagonista

O rock levará o protagonismo. Rock en inglés dos anos 60 e 70 con The Gentleman Band, que nos traerá temas de  Knack, Jet ou Cream (aproveitamos para adiantar que os The Gentleman xa preparan unha maqueta con temas propios para final de ano). Estilo rockabilly con Killer Cats, que nos ofrecerá un concerto en acústico recordando a Elvis Presley, Gatos Locos ou Stray Cats.  Rock con soul e funky, dos anos 50, 60 e 70, con Dude. E rock clásico con Kids, un grupo de moz@s moi novos que se xuntaron a principios de curso e que actúan esta noite por primeira vez coa música de Los Suaves, Imagine Dragons, Paramore ou The Pretty Reckless.

Nos terreos do indie

Xa no terreo do indie  teremos a Tinperis, que nos ten preparada algunha que outra sorpresa, como un certo cambio de estilo propiciado pola introdución dun curioso artiluxio, o looper. Serán os seus temas propios e intimistas, dous deles gravados en decembro e outros dous quentiños aínda do forno. E non faltarán, no menú musical da noite, The Lowcos, coa súa mestura de pop electrónico e rock, a quen tivemos oportunidade de escoitalos, tamén no outono e na Sala A Reserva, xunto a dous grandes referentes galegos do indie estatal, os carballeses Franc3s e Triángulo de Amor Bizarro.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica