Dende o século XIX até o XXI a través dos álbums familiares
O proxecto "Carballo na memoria" puxo a disposición do público, na rede, ao redor de 300 fotos da nosa historia cotiá
No Bosque, fins do s. XIX. Foto enviada por Carmela Castro
Cando botou a andar, aló a principios de ano, o proxecto "Carballo na memoria" contaba cunhas 70 fotos procedentes sobre todo do arquivo municipal. Uns meses despois, o noso baúl dos recordos dixital está xa ao redor das 300 imaxes. A iniciativa, que ten no fomento do diálogo interxeracional un dos seus principais obxectivos, foi xa presentada á xente nova en todos os institutos de secundaria da vila e agora, esta semana, entra nunha nova fase: chegar ás e aos maiores, principais gardiáns da nosa memoria colectiva.
Que o álbum dixital de Carballo sexa cada vez máis e máis groso é posible grazas a todas aquelas persoas que están a sacar dos caixóns as súas fotos. Moitas delas achéganse ao punto de recollida, no Museo de Bergantiños. Outras optan por darse de alta na plataforma dixital e subilas directamente á web (www.carballonamemoria.com). E, en ocasións, mesmo repiten. As fotos, unha vez dixitalizadas, sonlles devoltas con copia dixital incluída.
Das fotos de domingo á vida cotiá
Segando no trigo no Pazo das Pallas. 1959. Foto achegada por Loli Hurtado de Mendoza
Como persoas, e tamén como vila e como colectivo, somos en boa medida o que de nós recordamos. Grazas a estas fotos podemos facer ducias de viaxes no tempo: da man desas mulleres que posan para nós no Bosque no século XIX, dese soldado da Guerra Civil que olla erguido como un fuso para a cámara, desas mozas e mozos que xogan coa neve na emigración en Suíza, desas rúas polas que transitaban máis persoas ca coches, desas rapazas dos anos 50 que colleitan no trigo ou dese mural anti OTAN pintado por Adega que nos leva aos anos 80…
Predominan, de momento, as fotos de domingo na vila. Fotógrafos de Carballo, da Coruña ou de Santiago viñan en tempos pasados á feira e o domingo era pois o momento que a xente, coas súas roupas mellores, aproveitaba para fotografarse. As fotos éranlles entregadas na seguinte feira. Son imaxes moi ben documentadas, dinos Manolo Pan, da empresa que xestiona o proxecto, Abertal, porque nelas sempre aparece o nome de quen a fixo e a data en que foi feita. Un dos obxectivos, agora, é conseguir máis fotos do día a día, a través das cales poidamos saber dos traballos, dos costumes, dos oficios, da indumentaria do cotiá e da vida non só na vila, senón tamén no rural.
Involucrar á cuarta xeración
Alumnas da Escola Leus. Arredor de 1970
O diálogo entre xeracións, por veces tan difícil, é un dos principais obxectivos, e tamén dos logros, deste proxecto. A foto máis exitosa até o momento foi a dun grupo de alumnas do Colexio Leus diante da antiga cruz dos caídos no xardín. E foino polos comentarios suscitados non só por estas mozas dos anos 70, senón tamén polos seus fillos e fillas, e mesmo netos. O perfil da xente que interacciona co proxecto está entre os 25 e os 55 anos.
Queda agora, lémbranos Pan, involucrar a esa cuarta xeración que é, probablemente, a que atesoure recordos máis valiosos. Entre as accións que se desenvolverán proximamente para conseguilo, teñen pensado levar fotos antigas á feira e gravar á xente evocando recordos de antano. Compartidas, as fotos que até o de agora esmorecían en caixóns, non só recuperan nova vida senón que nos axudan a reconstruír a nosa memoria colectiva.