Cando só fican as sensacións
A mostra de José Navas parte de imaxes fotográficas captadas da natureza, que modifica facendo que nelas só quede o contraste, as cores, as sensacións primixenias.
Nada mellor que a exposición de José Navas para saudar a primavera. Unha vintena de cadros, que enchen a sala de cores e sensacións, esa sensación de calidez, ledicia e ganas de vivir que experimentamos cando, despois de meses de grisallada invernal, a natureza volve a abrirse á vida.
As imaxes de José Navas foron captadas na súa maioría a partir de fotografías da natureza. Flores e árbores intúense pero non se identifican plenamente porque foron modificadas, actuando sobre o proceso de impresión da imaxe, para transformalas en algo único. Ao igual que ás persoas nos identifican as nosas pegadas dactilares, ás imaxes dixitais identifícanas esa sucesión de ceros e uns, ese código en linguaxe binaria, que fai que poidan reproducirse de maneira idéntica unha e outra vez.
Navas busca ou provoca o erro nos procesos de impresión dixital. E faino de moitas formas: actuando con disolventes sobre a imaxe, evitando que seque ben, eliminando capas da mesma, debuxando sobre ela. Como resultado, o referente pérdese e quedan só as cores, os contrastes, as sensacións.
É por iso que esta mostra se chama "A síndrome de Nagali", unha alteración xenética que fai que, quen nace con ela, careza de pegadas dactilares, esa marca esencial para identificarnos na sociedade actual. As imaxes de José Navas padecen da síndrome de Nagali, porque nelas o referente tamén se borrou, neste caso, de maneira intencionada.
Algúns dos cadros que aquí poden verse estiveron expostos en Portugal, en Londres ou no Museo de Pontevedra. José Navas, que foi profesor no instituto de bacharelato carballés Alfredo Brañas ao longo dun ano, nesta súa faceta artística foi merecente de recoñecementos como o premio de escultura "Leonardo Martínez Bueno". Ademais, unha das súas obras foi escollida para formar parte da exposición itinerante da X Bienal de Pintura Eixo Atlántico 2013/204.
A mostra poderá verse de maneira gratuíta na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura, en horario de 17.00 a 21.00 horas até o 6 de abril.