Legumes Minuca: o negocio que chegou até o bisneto
Bergantiños foi, dende os anos 60 até os 90, unha das principais zonas produtoras de fabas de España
José Manuel Mancebo, cuarta xeración do negocio familiar
José Manuel Mancebo, de Legumes Minuca, é o digno herdeiro dunha estirpe forte de mulleres, que fixeron das feiras o seu salvoconduto para tirar adiante na vida. Xa a súa bisavoa, Carmen Rodo, e a súa avoa, comprábanlle na feira á xente do campo para logo vender a almacéns ou a tendas de coloniais como a que tiña Luis Calvo na vila antes de converterse nun referente estatal no mundo das conservas. A tradición, e tamén o alcume, as da Roda, foi pasando de nai a filla de xeración en xeración: da bisavoa, Carmen da Roda, á avoa, Mucha da Roda, e da avoa á nai, Minuca, que lle dá nome ao negocio que na actualidade rexenta José Manuel.
Fomos xunto a José Manuel para saber da historia dun negocio familiar, Legumes Minuca, que chegou xa á cuarta xeración. Pero con el descubrimos moito máis. Algunhas cousas sorprendentes e agradables, como saber que a zona de Carballo estivo, dende os anos 60 aos 90, entre as principais produtoras de fabas de España e mesmo de Europa. Outras tamén sorprendentes pero moito menos agradables: a desaparición das sementes autóctonas, como as fabas do "riñón", as do caldo ou as de fabada; a caída en picado da produción duns anos a esta parte, debido ao abandono do campo, e as estratexias agora utilizadas polas grandes empresas de legumes, que importan as fabas en países como Arxentina ou a India, malia a publicitárnolas nos medios como fabas autóctonas.
A historia desta familia é un espello da historia do noso importante pasado labrego, cando Bergantiños era nutrida despensa non só de fabas, senón tamén de trigo, millo ou patacas, e tamén é espello da non menos importante tradición feiranta carballesa
A historia desta familia é un espello da historia do noso importante pasado labrego, cando Bergantiños era unha nutrida despensa non só de fabas, senón tamén de trigo, millo ou patacas, e tamén é espello da non menos importante tradición feiranta carballesa. De feito unha non podería existir sen a outra: as feiras de Carballo non chegarían a ter tanta sona sen os produtos dos nosos labregos e labregas. E isto, a importancia feiranta da nosa vila, é do primeiriño que nos recalca Minuca cando comezamos a falar con ela: "E é que Carballo ten seis ou sete feiras". "Tantas?", preguntamos. "Si, claro, as dos catro xoves do mes, o segundo e o cuarto domingo do mes e, cando hai feirón, unha de regalo".
En cabalo á Coruña
A fundadora do negocio, Carmen Rodo, e mais o seu home
Todo comezou cando a bisavoa de José Manuel, Carmen Rodo, con cinco fillos e o home que fora e viñera varias veces da emigración en Arxentina, con vivenda de alugueiro na rúa Berdillo, pensou nunha maneira de traer un peso á casa. Collía o cabalo e ía até a Coruña, onde compraba laranxas para logo revendelas na vila e nas feiras.
Pasou das laranxas ao mundo das legumes e dos grans, e foi aí onde naceu a tradición feiranta da familia. Carmen Rodo, ben ao seu pesar, non sabía ler (pedíalle ao home, e logo á neta, Minuca, que lle lera o xornal), pero de intelixencia andaba sobrada e non só ideou un modo de vida para saír adiante nos tempos que corrían, senón tamén para as xeracións vindeiras da familia, até chegar mesmo ao bisneto.
A rapaza espabilada
Minuca e a nai, segunda e terceira xeración do negocio
Mucha, a filla de Carmen e a avoa de José Manuel, meteuse de cheo no negocio. O seu home, Manuel, viñera da Guerra Civil enfermo do corazón, quizais de todo o que alí tivo que ver e vivir. Era condutor e tocáballe levar aos soldados mortos ás fosas. Algúns, dicía, aínda ían vivos para o foxo. Así que, con Manuel enfermo, o mundo das feiras converteuse no soporte principal da economía familiar.
Minuca, con quen falamos para esta reportaxe, empezou a ir ás feiras para comprar mercadoría con só 13 anos, con feixes de diñeiro de até 200.000 pesetas que levaba gardados nunha bolsiña xunto ao peito. Era unha rapaza moi esperta e nunca, nunca, lle roubaron, dinos con orgullo.
O Carballo dos almacéns
Cribos para limpare seleccionar as fabas
Naqueles mundos o negocio funcionaba de maneira distinta. O produto que elas compraban nas feiras revendíanllo a almacéns como os do Zorro, que aínda existen, os de Botas, a do Chorón, Verdes ou Suárez. Alí contaban co diñeiro preciso para a compra venda de cantidades grandes de produción, e coa maquinaria necesaria tamén para cribala, seleccionala e vendela logo para toda España e mesmo nalgunha ocasión para o estranxeiro, a destinos como Francia ou Cuba.
Os almacéns irían pechando a finais dos 80 e principios dos 90, e o negocio familiar tivo que reinventarse. José Manuel, que xa á volta da mili comezara a traballar coa nai (a desgusto do pai, que quería que fora ferreiro coma el) comezou a levar a mercadoría directamente a fóra de Galicia, no seu camión, sen intermediarios, e empezaron a encargarse tamén do cribado e seleccionado previo cunha máquina traída de Vigo que, coméntanos José Manuel, debe estar preto dos cen anos.
Cando os campos deixan de producir
Faba do caldo, hoxe case desaparecida
Agora chegou o momento dunha segunda reconversión, ben dolorosa, porque os produtos cos que traballaban, aqueles que abrollan do noso campo, están a desaparecer. Tal é así que José Manuel e a súa muller houberon de reinventarase de novo e, no almacén onde antes se amoreaban os sacos de fabas, agora teñen, dende hai medio ano, unha froitería. A caída da produción de faba, nos últimos tres anos, foi brutal. José Manuel debulla datos que o fan evidente. No 2000, dinos, podía haber nunha feira entre 80 e 100 toneladas de faba asturiana e do "riñón". No 2010, esa cantidade baixou a unhas 20 toneladas. En 2013, na feira máis forte do ano, houbo tan só 20.000 quilos. "Agora mesmo, na comarca de Bergantiños, non creo que haxa máis de 30.000 quilos de faba. E esa era a cantidade que antes podías atopar na feira a iso das dez da mañá", coméntanos.
A desaparición dun mundo
Faba asturiana de legumes Minuca
O actual responsable de Legumes Minuca é todo un experto do mundo das fabas. "Ben poderías facer unha tese", dicímoslle. Con gusto, explícanos as diferencias entre a faba asturiana, a do "riñón" ou de chavella, a de fabada ou femia, a roxa, a redonda branca ou a pinta. Algunha delas están a piques xa desaparecer. A partir dos anos 90 comezaron a ser substituídas pola asturiana, que levaba mellor prezo.
José Manuel ama o seu oficio, o que tamén foi o oficio das súas antepasadas, o que el mesmo viviu dende que, con só sete anos, xa acompañaba a súa nai ás feiras a termar dos sacos ou a vixiar a quen por alí andara con afán do alleo. É o último chanzo dunha estirpe e dun mundo que, se ninguén cambia a inercia da corrente, dentro de moi pouco terminará por extinguirse.