Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Rebaixas de máis do 50% na Feira das...

Compartir:

Rebaixas de máis do 50% na Feira das Oportunidades de Carballo

Está a ter lugar esta fin de semana, 8 e 9 de marzo, no parque do San Martiño

Carballo é vila comercial de sempre. O dinamismo do sector amósase nas numerosas iniciativas que, ao longo do ano, pulan por reforzalo como gran centro comercial aberto, unha aposta pola economía local e o comercio de proximidade fronte ao enclaustramento das grandes áreas comerciais que  se estenden polas cidades. Unha das propostas máis exitosas do comercio carballés é a súa Feira das Oportunidades, con descontospolo xeral  superiores ao 50% e que, nalgún caso, mesmo chegan ao 80 %. Amosámolos neste galería de imaxes con fotografías do sábado pola mañá, nas primeiras horas da feira.

A Feira das Oportunidades deste ano coincide coa primeira feira do mes en Carballo. Se nos domingos de feira, Carballo se enche de vida, de xente que compra ou vende, ou simplemente vén de visita ou a tomar unhas tapas, este, que ademais coincide en vésperas da primavera, promete ser dende logo especial.

A Feira das Oportunidades estará instalada, como en anteriores edicións, cunha carpa situada no parque do San Martiño, moi preto do centro da vila. Están confirmados máis de trinta stands, pertencentes na súa maior parte ao sector do equipamento persoal (moda, calzado, beleza…) mais tamén poderemos atoparnos con postos doutro tipo de ámbitos, como o sector electrodomésticos. Podes consultar nesta ligazón a listaxe completa.

A feira, xa o seu nome o indica, é unha oportunidade para comprar produtos de tempada, a moi bo prezo e de calidade, porque proveñen dos stocks de inverno das tendas locais, que agora han ser liberados ante a chegada da primavera. Para as tendas, é unha oportunidade para liquidar os produtos da tempada que remata. Para as e os compradores, éo tamén para obter produtos a un prezo único.

A implicación do comercio local é, sen dúbida, o segredo da nosa Feira das Oportunidades, na que só participan tendas da zona, un dos requisitos estipulados pola Lei de Comercio para este tipo de eventos, ao igual que a entrada gratuíta a todas aquelas persoas que a queiran visitar.

A Feira das Oportunidade está organizada polo Centro Comercial Aberto de Carballo, coa colaboración do Concello e a Dirección Xeral de Comercio. O seu orzamento supera os 20.000 euros.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica