A axenda da finde
Teatro do Atlántico chega a Carballo con A Charca Inútil, e a Sala A Reserva tráenos dúas noites de concertos con ADN, Sierra Nevada e Ronhä.
Teatro: A Charca Inútil
A Charca Inútil, o venres no Pazo
Mesmo cando a dor, o medo e a morte apertan forte, as persoas buscamos ese oco que nos conduza ao final do túnel, a un espazo morno de felicidade, aínda que sexa creando unha realidade paralela e imaxinada. Por unha banda, un profesor en crise, agredido na escola, que non quere volver ao ensino. Por outra, unha nai rota que busca clases particulares para un fillo moi especial. No medio, un vello mestre que servirá de vínculo entre ámbolos dous. Teatro do Atlántico representará esta noite, no Pazo da Cultura, A Charca Inútil, a obra coa que o dramaturgo David Desola gañou o premio Lope de Vega en 2007. Será ás nove da noite. A entrada ordinaria, a catro euros, e con desconto, a tres.
Sala A Reserva: O pop rock de ADN
A Sala A Reserva tráenos, esta finde, dúas bandas cántabras. O venres teremos a ADN, un grupo de rock nacido en 2009 e que compartiu escenario con artistas como "Los Secretos", "Medina Azahara", "La Oreja de Van Gogh", "La Fuga" ou "Melendi". As orixes da banda remóntanse a finais da década dos noventa, cando varios dos seus compoñentes na actualidade crearon "Aurora del Norte", un grupo que nos deixaría dous discos ao longo dos seus once anos de traxectoria. En Carballo escoitaremos o seu primeiro EP, "Nada que perder".
A apertura de portas será ás 23.00 horas, e o inicio do concerto está previsto para as 23.30. A entrada, a tres euros.
Sala A Reserva: Sierra Nevada e Ronhä
O sábado, xunto aos coruñeses Ronhä, actuará Sierra Nevada, unha banda creada en 2011 en Santander, cun son obtido de influencias diversas: rock, alternative indie-rock, punk new wave, post punk e pop rock. Os seus compoñentes proveñen doutras bandas como Lazy, Wayne, Dante Place ou Dédalo. Completará a noite do sábado o punk agresivo de Ronhä.
O inicio do concerto está previsto para as dez e media da noite. A entrada, a catro euros.
Sendeirismo: O Camiño dos Faros
Primeira etapa do Camiño dos Faros
Este domingo iníciase unha nova xeira do Camiño dos Faros, a ruta sendeirista que, ao longo de oito etapas e ao redor de 200 quilómetros, percorre toda a Costa da Morte á beiriña do mar, dende Malpica até Fisterra. A primeira etapa desta nova edición partirá da vila de Malpica, ás nove da mañá, e finalizará en Niñóns. En total, 22 quilómetros e medio.
Os "trasnos" do Camiño dos Faros, que é como coloquialmente se coñecen ás e aos seguidores desta iniciativa, recibiron este Nadal, en Carballo, o premio creado pola Asociación Cultural Rebeldía en memoria de Alberto Gende.