Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Do pop melódico ao hard blues rock pasando polo folk, agárdanos unha variada oferta de concertos en Carballo

Sondeseu: a primeira orquestra folk europea

De que Carballo é xa un referente na programación cultural a nivel Galicia, dá conta o feito de que haxa grupos e compañías que inicien aquí as súas xiras. Este é o caso de Sondeseu, a primeira orquestra folk de Europa. Todo un experimento, porque a combinación de violíns, gaitas, arpas, voces, bouzoukis, contrabaixos, requintas, zanfonas e instrumentos de percusión, aínda que fermosa, non é sinxela. As gaitas soan moito máis que as arpas, que á súa vez se impoñen ás zanfonas. O obxectivo, tal e como nos manifesta o seu director, Rodrigo Romaní, nesta entrevista, é chegar a conseguir unha combinación perfecta de todos os elementos tal e como acontece coas orquestras de música clásica, de modo que todos eles poidan chegar a soar en acústico, sen amplificacións. En Carballo presentarannos o seu último traballo, "Danzas brancas". Será no Pazo da Cultura, ás nove da noite. A entrada ordinaria, a 4 euros (3 euros para estudantes ou maiores de 65 anos).

Teatro infantil con Talía

A relación dos peques cos aparellos tecnolóxicos adoita traer de cabeza a nais e pais, que a veces critican a palla no ollo das súas crianzas sen ver a viga no propio. A compañía Talía Teatro estará o domingo en Carballo cunha obra para público infantil e familiar do máis actual. En "Xango: A moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina", o protagonista é tragado pola súa propia tablet. O espectáculo, que mestura mimo e clown en clave de humor, narra as aventuras e desventuras coas que alí se atopou, como unha moderna Alicia no país das marabillas ao outro lado do espello. Será ás seis da tarde o domingo no Pazo da Cultura. A entrada, a tres euros, e a dous con desconto (pare menores de 12 anos, estudantes ou maiores de 65).

Volven os concertos da Reserva

Xa se botaban de menos os concertos da Reserva. Volven esta finde con menú dobre: o venres, pop-indie-rock dos Sensacional, e o sábado o hard blues rock de Bourbon Queen. Sensacional, banda coruñesa nacida no inverno de 2013 na Coruña, bebe das esencias do pop clásico e melódico, do estilo clásico anglosaxón e do indie dos 90. Bourbon Queen, gañadores en 2012 do Airiños Rock&Roll, presentarannos  o seu primeiro EP, "Blood, Rock, & Tears", con influencias do hard blues rock dos anos setenta. Ámbolos dous concertos comezarán a partir das once da noite. As entradas participarán no sorteo, a final de ano, dunha guitarra elaborada no obradoiro carballés Paoson Guitarras.

Os fillos do estramonio no Goldie

O pub Goldie segue a encher de bo ambiente a noite do sábado en Carballo. Nos últimos meses, tivemos oportunidade de rirnos a cachón con humoristas como Víctor Grande, David Noya, Pepe Capelán ou Pedro Brandariz, coñecidos polo seu traballo en programas de televisión e radio. Nesta ocasión, é a quenda de "Os fillos do estramonio". Defínense como grupo cómico musical, fixéronse coñecidos no programa Bamboleo da TVG, e chegan a Carballo para ofrecernos  unha divertida noite de rock& roll con versións propias, na que tamén se atreverán con baladas, rancheras e cumbias.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica