Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O Premio a artigos normalizadores chega á década

Compartir:

O Premio a artigos normalizadores chega á década

É o único no país sobre a temática, a situación do galego, e foi gañado nos últimos anos por nomes coñecidos do mundo da escrita e do xornalismo.

En Carballo estamos de aniversario. O noso premio a artigos normalizadores chega xa á década como un referente en Galicia. É, de feito, o único que existe no país e ten como obxectivo fomentar o uso do galego e a reflexión sobre a lingua nos  xornais, creando espazos para o debate e a análise da situación do idioma, o seu uso e prestixio.

Nestes dez primeiros anos de vida, o premio, convocado polo departamento de Normalización do concello, conseguiu consolidarse con éxito. Entre as persoas que o gañaron, xornalistas, escritoras e escritores recoñecidos, como Séchu Sende, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, ou Pilar García Negro. Para celebralo, este ano sairá á luz a compilación de todos os artigos que o mereceron ao longo da década.

Ao longo destes anos, foron moi variadas as propostas que resultaron gañadoras, dende esa senlleira guía sexual da sociolingüística que propuña Séchu Sende no seu artigo, até traballos máis académicos ou pegados á actualidade, como o texto gañador do ano pasado, de Mariña Pérez Rei, que ligaba a problemática da lingua coa dos desafiuzamentos.

O principal fin do certame é a difusión: conseguir que a reflexión e o debate sobre a lingua se estenda. De feito, os artigos gañadores son publicados en diversos medios galegos, impresos e dixitais, como é o caso, neste ano, de Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos. Mais este obxectivo, a divulgación, vai alén do propio premio pois dáse o caso de que, nos meses seguintes á súa resolución, adoitan ser publicados neses ou noutros medios algún dos traballos presentados e non premiados.

Para celebrar unha década prestixiando a lingua, este ano sairá á luz a compilación de todos os artigos que mereceron o premio ao longo da década.

E que hai que facer para presentarse? Pois é sinxelo. Cómpre presentar un artigo de opinión, inédito, sobre algunha cuestión relacionada coa situación sociolingüística do país, como o seu estatus, política lingüística, argumentario a prol dou uso do galego, lexislación, dereitos lingüísticos, ou experiencias de dinamización da lingua. O artigo gañador recibirá un premio de 1.000 euros e será difundido nos medios que antes mencionamos. A extensión deberá estar comprendida entre os 1.800 e os 3.300 caracteres con espazos incluídos. O prazo de presentación, até o 11 de abril.

En anteriores ocasións gañárono autores e autoras como Xurxo Carballido, Olga Patiño, Ana Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos M. Callón ou Mariña Pérez Rei. Nalgúns casos, nomes que, con posterioridade, chegarían a soar cada vez máis, como o de Kiko Novoa, hoxe en día director do programa da mañá da Radio Galega, Galicia por diante, ou os escritores Marcos Abalde, merecedor de varios premios de teatro e poesía, ou Xesús Fraga. Este ano, ti podes unirte á lista. Anímaste?


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica