A feira de Carballo
Os días de feira Carballo énchese de bulicio. As xentes do campo acércanse á vila para vender os seus produtos e as tendas abren as súas portas de par en par
A feira celébrase todos os xoves e os segundos e cuartos domingos de cada mes, ademais dos días de feirón, que ten lugar o último domingo do mes cando este conta con cinco.
En domingo de feira a vila énchese de bulicio, de feirantes que veñen e van, de xente que compra, vende e recupera folgos cunha boa tapiña de callos acompañada cuns groliños de viño.
Mercado na praza do Concello
Na praza do Concello e á beira do mercado, atoparás todo tipo de produtos provenientes das e dos labregos da contorna: patacas, ovos, grelos, froitas das da casa, leitugas, tomates e outros legumes e produtos de horta.
A feira é así un gran mercado de produtos de proximidade, cultivados nas propias hortas e leiras da comarca, que che permitirán comprar coa confianza de saber o que mercas e quen o produce.
Son alimentos que veñen directos do campo, sen conservantes, nin envoltorios plastificados nin longos e contaminantes desprazamentos dende afastados confíns. E, ademais, repercuten na mellora da propia economía do noso tecido produtivo.
Os domingos de feira en Carballo poderás facer "shopping" cando no resto das vilas e cidades os comercios están pechados, pois a gran maioría das tendas de Carballo teñen as súas portas abertas