Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Presentación pública do Carballo Interplay

Compartir:

Presentación pública do Carballo Interplay

O primeiro festival de webseries do Estado contará cun padriño e unha madriña de luxo: David Sáinz e Teresa Segura, de Malviviendo, unha das webseries españolas máis exitosas.

Sandra Lesta, Evencio Ferrero, Sonia Méndez e Xosé RegueiraSandra Lesta, Evencio Ferrero, Sonia Méndez e Xosé Regueira

Sandra Lesta, Evencio Ferrero, Sonia Méndez e Xosé Regueira

Este 6 de febreiro foi a presentación pública do Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries do Estado que se celebrará en Carballo do 24 ao 27 de abril. No acto puidemos coñecer os rostros por detrás deste proxecto: as súas ideadoras, a directora Sonia Méndez e a responsable de actividades paralelas, Sandra Lesta, e ao seu equipo. Méndez revelounos un dato até agora descoñecido: a presenza, no festival dun padriño e dunha madriña de luxo, David Sáinz e Teresa Segura, de Different Entertainment, director e guionista, e directora de produción respectivamente, da exitosa webserie estatal Malviviendo, todo un referente deste formato. E tamén teremos con nós a Julio Garma, da recoñecida serie de animación Freaklances, que presentará o Freaklances Project, un proxecto de distribución de webseries que suscita non poucas expectativas de cara a buscar saídas de difusión e viabilidade económica a un xénero que se está a demostrar como un viveiro de liberdade creativa.

Obradoiro de webseries para moz@s

"Mozos e mozas de Carballo de 16 a 30 anos poderán participar nun obradoiro de webseries que se celebrará en marzo. Crearán una webserie sobre Carballo que será proxectada no festival"

Son algunha das voces que poderemos escoitar este ano na primeira edición do Carballo Interplay, que non só será un espazo para a exhibición das obras participantes, que non só será un concurso para premiar, senón que tamén quere constituírse nun lugar para aprender e falar. Masterclass, obradoiros e charlas propiciarán a interrelación entre público e creadores/as. As actividades paralelas completaranse coa celebración dun concerto.

Así mesmo, mozos e mozas de Carballo de 16 a 30 anos poderán participar nun obradoiro de webseries que se celebrará en marzo. O prazo de inscrición abrirase proximamente e haberá un proceso de selección entre as persoas que estean interesadas pois o número de prazas será limitado. Crearán unha webserie sobre Carballo que será proxectada no festival.

A cultura como motor de riqueza

Á presentación asistiron o alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, e mais Xosé Regueira, o concellal de Promoción Económica, o departamento que promove o festival. Ámbolos dous resaltaron o papel da cultura, non só a nivel creativo, senón como elemento de dinamización económica e a importancia de apoiala nun contexto de crise como o actual. Carballo ten xa experiencias exitosas con festivais como o FIOT, que nos converteu nun referente do teatro. Co Carballo Interplay, que repartirá 5.000 euros en premios, queremos poñer de unha vez máis á nosa vila no mapa, como mecenas daqueles formatos culturais máis novidosos e creativos.

Tes todas as claves sobre o festival (bases, premios, organización, datas…) nesta información.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica