Axenda da finde
Poderás gozar da maxia de Chrystian Magic e do humor do clown Pedro Brandariz, e tamén coñecer as últimas tendencias en Expo Voda.
Pedro Brandariz: clown e contador
Continúan os "planazos" do sábado no pub Goldie, e fano nesta ocasión con Pedro Brandariz, que se define a si mesmo, con humor, como artista "polipatético": clown, monologuista, contacontos, cabarateiro… Como clown traballou con grandes do ámbito como Leo Bassi e, como humorista, podémolo ver no Luar da TVG con "O gordo e o calvo" e escoitar na sección de humor de Radio Coruña-Cadena Ser. A Carballo chegará con"Profundizando na Galiza profunda", un espectáculo de contacontos que, de seguro, sentiremos moi próximo, pois incide con humor no modo de ser e de ver o mundo que temos os galegos e as galegas: Dende o "ghuapo, ghuapo non é pero ten un pelaso", até o "ghastas pista?". Estará no pub Goldie o sábado, a partir das doce e media da noite. A entrada será gratuíta.
O mago Chrystian Magic
O domingo, no Pazo da Cultura, o mago Chrystian Magic faro uso de todas as súas armas máxicas para sorprender a peques e familias, nun espectáculo incluído na programación cultural do concello para os meses de inverno e primavera. Veremos voar mesas, xogos de panos, e números de mentalismo e escapismo, nun espectáculo moi dinámico no que a participación do público será fundamental. Será ás seis da tarde e a entrada custará tres euros (dous con prezo reducido). Podes reservar entrada no 981704300 ou na Concellaría de Cultura (no Pazo da Cultura), en horario de luns a venres, de once a dúas da tarde, ou o domingo a partir das catro e media no despacho de billetes.
Expo Voda
Desfile do ano pasado en Expo Voda
Esta finde tamén teremos en Carballo o Expo Voda, o único evento expositivo de toda A Costa da Morte, sobre vodas e outras celebracións ás que cómpre ir de punta en branco. Haberá máis de trinta expositores, dos máis diversos ámbitos: vestiario, peiteado, floristería, repostería creativa, animación infantil e musical, xoiería, etc. Ademais, tanto o sábado como o domingo, ás sete da tarde, teremos desfile. Tes aquí toda a info deste evento organizado polo Centro Comercial Aberto de Carballo. Terá lugar no Fórum, e a entrada será a dous euros.