"A Vida Intensa", a primeira exposición do carballés Pedro Tasende
Estará no primeiro andar do Pazo da Cultura dende o 23 de xaneiro até o 25 de febreiro, en horario de cinco a nove da tarde
"A morte dun soño I"
Quizá non haxa linguaxe máis sincera que a dos xestos, a das miradas, a dos corpos. Cantas veces, a través delas, expresamos o que as palabras non se atreven ou nos delatamos con aquilo que, en realidade, non desexaríamos descubrir… Este é o leit motiv da primeira exposición do arquitecto, deseñador de produto e creativo carballés Pedro Tasende. "Interésame o corpo humano como expresión do mundo interior. As nosas faces e corpos falan con honestidade e amosan sen censura os nosos sentimentos a quen quere velos", deixa escrito na súa introdución á exposición.
Detalle de "Ultramar"
A mostra reúne un conxunto de pezas creadas polo autor dende a súa volta a Carballo. Despois de vivir fóra dende os dezaoito anos, o creativo volveuse a estabelecer na súa vila natal hai uns meses. Todas as pezas foron elaboradas dende setembro de 2013. Expoñelas supón, para Tasende, un reto: superar o medo a ensinar o que se crea para un e na intimidade ante o público.
As pezas están cheas de forza, de paixón, de ganas. Devalan dende aquelas máis figurativas, en acrílicos sobre táboas, até as máis abstractas, nas que xoga libre coa composición e mesturando varios tipos de pintura sobre madeira, pasando polos debuxos con lapis de cores sobre papel.
"Ruptura IV"
O título que congrega as pezas desta mostra, "A Vida Intensa", responde esa loita por superar ese medo ao amor, á timidez, en definitiva, a vivir.
Liñas que xogan a enredarse para amosarnos o mundo da parella, miradas que ollan de esguello á alma, as cores intensas da mocidade e as apagadas da vellez, os soños, o sexo, as esperanzas, a paixón, a desesperación… En definitiva, unha montaña rusa de sentimentos plasmada en cores e liñas, que poderemos ver dende o 23 de xaneiro até o 25 de febreiro no primeiro andar do Pazo da Cultura.