Carballo, referente escénico cos Venres Culturais
Teremos a nomes destacados do teatro galego, ademais de moita música, maxia e programación para peques
Todas as actuacións son no Pazo da Cultura. Xa se poden facer reservas e comprar entradas e bonos no 981 704 300, de 11.00 a 14.00 horas
En Carballo a cultura enténdese como un dereito, non como un luxo. Máis aínda agora que a crise afecta de cheo ao sector cultural, a nosa vila reafírmase como a capital cultural da comarca e referente na Costa da Morte. Ao longo deste inverno, pasarán por Carballo coñecidas e coñecidos creadores das artes escénicas galegas, que protagonizarán a programación dos Venres Culturais, como Rodrigo Romaní e a orquestra Sondeseu, a única folk en toda Europa, ou pesos fortes do teatro galego como Produccións Excéntricas, Voadora ou Teatro do Atlántico.
Xa podes reservar e comprar as entradas, e mesmo facerte cos bonos. Tes toda a info dos prezos aquí.
Do mellor do teatro galego
A compañía Voadora
Pola nosa vila pasarán, este inverno, algún dos mellores nomes do teatro galego. O venres, 24 de xaneiro, tivemos a actores como Víctor Mosquera ou Evaristo Calvo cunha obra fresquiña, fresquiña, tanto que fora estreada en Compostela tan só unha semana antes, o 16 de xaneiro. Carballo foi, de feito, a primeira vila onde se representou "Da Vinci tiña razón". E o venres, 7 de febreiro, actuou a compañía Voadora, cunha obra, "Waltz", que triunfou nos circuítos alternativos estatais e foi merecente do Premio da Crítica de Galicia.
Teatro do Atlántico, a veterana compañía de Xulio Lago e María Barcala, chegará a Carballo o 21 de febreiro con "A charca inútil", a obra coa que o dramaturgo David Desola gañou o premio Lope de Vega en 2007.
Xa en marzo, o venres 24, teremos a Abrapalabra Creacións Escénicas, e a actrices como Susana Dans ou Mónica Caamaño, con "Ás de Peixe", unha peza da autoría doutro referente do teatro galego, Cándido Pazó, que lle resultará próxima a moitas mulleres carballesas, pois está dedicada ás traballadoras das fábricas de conservas.
Do talento local darannos conta as e os intérpretes da Aula de Teatro Municipal de Carballo, que se atreverán con todo un clásico da historia do teatro, "Lisístrata". Será o 28 e o 29 de marzo.
Música, como non
A orquestra Sondeseu
Nada mellor que a música para soportar a monotonía invernal. O venres, 14 de febreiro, puidemos escoitar a Sondeseu, a primeira orquestra europea estable con repertorio folk, dirixida por Rodrígo Romaní, nunha fermosa combinación de instrumentos como zanfonas, arpas, gaitas, voces, violíns, contrabaixo, requintas, bouzoukis ou percusións creando en conxunto un timbre único e característico.
Escaparate do dinamismo musical carballés será o concerto Rockarballo, o 21 de marzo, onde poderemos ver tanto a grupos veteranos como outras propostas máis alternativas, que nos traerán todo tipo de estilos, dende o rock e o pop, até o garage, o punk, o trash, o indie e a música electrónica.
Para peques
"O príncipe e o parrulo", con Lucía Reguero
As propostas para público infantil, que terán lugar sempre en domingo e a partir de febreiro, veñen cargadas de teatro e de maxia. Chrystyan Magic encargouse de que o domingo, 2 de febreiro, fora máxico para o público infantil, cun espectáculo interactivo e con moito humor.
O domingo, 16 de febreiro, chegou a quenda do teatro, coa coñecida compañía ceense Talía, que nos representou "Xango: A moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina". O 16 de marzo, teremos aos monicreques xigantes de todo un clásico en Galicia, a compañía de Kukas.
E o día 30, estará a televisiva Lucía Regueiro (María, na serie "Libro de familia") como unha das intérpretes de "O príncipe e o parrulo", da compañía Eme 2 Emoción&Arte.
Fotografía, cine e artes plásticas
"Les petits mouchoirs", no ciclo de cine francés
A programación expositiva de inverno estará protagonizada por dúas mostras individuais e por dúas colectivas. As individuais correrán a cargo dos artistas Pedro Tasende, que inaugura a súa exposición na penúltima semana de xaneiro, e do coruñés José Navas Aranda (en marzo e en abril). As colectivas afondarán no mundo da fotografía: "Fotoxornalismo 2013" ensinaranos instantáneas captadas na provincia da Coruña por un total de 23 recoñecidos fotoxornalistas, e a a mostra do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís, en abril, compilará as fotografías que se presenten á convocatoria deste ano, que estará aberta dende o 30 de xaneiro ao 24 de febreiro.
Grazas á colaboración do Concello co Comité de Irmanamento de Carballo con L'Isle Jourdain, poderemos ver en Carballo e de balde varios filmes do cine galo: "Les petits mouchoirs" (Pequenas mentiras sen importancia) de Guillaume Canet; "Renoir" de Gilles Bourdos; "Les femmes du 6ème étage" (As rapazas da sexta planta) de Philippe Le Guay; e por último, "Les profs" (Os profesores) de Pierre-François Martin Laval. Proxectaranse en versión orixinal e con subtítulos en español. O ciclo terá lugar os días 22 de febreiro e 8 e 22 de marzo, ás oito e media da tarde.