Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Polbo á arousana con grelos

Compartir:

Polbo á arousana con grelos

Cociñando na tasca-restaurante A Pedra

A Pedra é, sen dúbida, un lugar con alma e, sobre todo, con memoria. Esta pequena casa de tan só un andar, que resiste, contra vento e marea, en pleno centro de Carballo, leva aí dende o século XIX e xa dende o principio naceu como taberna.

Houbo un tempo no que estivo pechada e abandonada, pero a casa volveu rexurdir cando a compraron uns novos donos e escolleu, para esta segunda vida, ser o que sempre fora, unha tasca (rúa do Hórreo, 12, tfno: 658 77 16 44). Hai un par de anos foi reformada para converterse tamén en restaurante.

Ingredientes

-Un polbo

-Patacas

-Cebola

-Pemento doce

-Pementa branca

-Pementa negra

-Aceite de oliva virxe extra

-Viño branco

-Sal

Paso 1. Cocer o polbo, as patacas e os grelos

O polbo ha ser cocido con abundante auga, sen sal nin ningún outro condimento. Esperamos a que ferva a auga e introducimos e sacamos o polbo da auga sete veces. Para un exemplar duns catro ou cinco quilos, será preciso deixalo a cocer durante uns cincuenta minutos a lume alto. Unha vez cocido, cortámolo en anacos.

Canto ás patacas, unha vez que as cozas, has de sazoalas con pementa branca, pementa negra, sal e aceite de oliva virxe extra, mesturar todo e esmagalas.

Os grelos deberás escollelos e lavalos. Feito isto, botaralos nunha pota con auga fervendo, con algo de aceite e un pouquiño de sal (moi pouco, pois a maioría do sal botarémosllo cando os salteemos, posteriormente, na tixola). Lévalle ao redor dun cuarto de hora cocer. Saberás que están no seu punto cando o tallo estea brando.

Paso 2. Preparar a salsa e empratar

Para preparar a salsa, has de picar a cebola moi miudiña e deixala pochar en aceite a lume moi lento durante unha hora ou un pouquiño máis, até que se volva transparente. Engádeslle entón o pemento doce, co aceite morno. Cando notes que o pemento doce cambia de ulido (non deberás esperar moito, para que  non se queime), engadirás viño branco e remexerás todo.

Chegou o momento de incorporar os anaquiños de polbo que antes cortaches á salsa. Déixao cocer uns minutos a lume lento até que o polbo colla a cor da salsa.

Noutra tixola, botas unhas gotas de aceite de oliva virxe extra e salteas as patacas machucadas. Farás a mesma operación, noutra tixola, cos grelos. Acórdate de volverlle a botar sal cando os saltees.

Xa só queda presentar as viandas na mesa. Nun prato, colocas o polbo e, ao carón, os grelos e as patacas esmagadas. Impregnarás, tanto os grelos como as patacas, con bastante salsa. E agora toca metelo na boca. Asegurámosche que está moi, moi rico. Seguro has de sorprender cunha forma diferente de preparar o polbo. Por que non o probas xa para a cea de Noiteboa?


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica