Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "Carballo é unha vila con moita vida e moi...

Compartir:

"Carballo é unha vila con moita vida e moi agradable. Dá gusto"

Lucía Pérez, cantante

Lucía Pérez en Carballo

Lucía Pérez no festival de Aspaber, en Carballo

A eurovisiva Lucía Pérez estivo este sábado en Carballo, regalando risos, apertas e, como non, a súa voz, no festival de Nadal da asociación Aspaber, que este ano estaba dedicado a Eurovisión. Fíxoo de maneira desinteresada, como colofón a un completo repaso polo festival no que as usuarios e usuarios do centro recordaron algún dos hits do certame, como as actuacións de Massiel, Micky, Salomé, Mocidades, Sergio Dalma, Serafín Zubiri ou Rodolfo Chiquilicuatre. Foi, sen dúbida, unha  mañá especial.  

-Como é que estás hoxe aquí?

-A asociación Aspaber púxose en contacto co meu produtor e faloulles deste festival eurovisivo. A verdade é que eu xa tiña compromiso, porque tiña que ir a Ourense hoxe, pero como era en relación con Eurovisión e, ademais, unha proposta dunha asociación, díxenme "teño que estar". E aquí estou.

-E ademais é unha colaboración desinteresada…

-Eu sempre que podo fágoo. Chámante de moitos benéficos e non podes ir a todos, pero sempre intentas facer algúns, porque isto enriquece á persoa por completo. Hoxe paseino moi ben, e iso non se paga con cartos.  

-Dixeches que igual volvías…  

-Iso espero. Cando estou a gusto coa xente intento volver, e seguramente volva de novo. Paseino moi, pero que moi ben coa xente.  

-Que che achega unha experiencia como esta?  

-Ves que eles son felices co que teñen. Faiche valorar moitas cousas. Son emocións moi bonitas e moi positivas para as persoas. A xente debería ver a realidade, porque isto non é máis que a realidade.

"Se te fixas no panorama musical todos son andaluces. Téñeno moito máis fácil. Melendi, por exemplo, é do norte, pero con aire andaluz"

-Estiveras  algunha vez por Carballo?  

-Estiven cantando para a gala do comercio hai anos. E si que actuei pola zona, en Malpica, en Ponteceso… Pero en Carballo, non actuei, así que espero que este verán poida estar cantando para as festas.  

-Coñeces  o concello?

-Coñezo pouco. Fíxate que moitas veces, cando actuabamos pola zona, perdiámonos e acababamos en Carballo. Onte estivemos tomando uns viños, e é unha vila con moita vida, moi agradable, dá gusto.  

-Con que ánimos comezas o ano que vén?

-Estamos preparando o novo disco, que comezaremos a gravar despois do Nadal, para que estea na primavera. Vai ser un disco alegre. Dende o anterior xa pasaron anos. Eu creo que a miña capacidade de interpretación vai mellorando e agardo que neste disco se note. Seguimos traballando ao noso ritmo e sen parar.

Lucía Pérez cantando en Carballo

Lucía Pérez cantando en Carballo

-Levando adiante o barco, como dis na túa conta de twitter. É difícil levar adiante o barco nestes tempos, que non son bos para a lírica nin para a economía?  

-Isto ten que pasar, e o importante é aguantar e seguir traballando.  

-Ti fuches a primeira galega…  

-… en Eurovisión, si.  

-Non recordaches hoxe os momentos vividos en Eurovisión?

-Eurovisión para min foi unha experiencia moi boa, moi positiva, e eu aquí estiven na miña salsa. Ademais, dende que fun eu, estou máis metida no mundo eurovisivo. Levo fotos para poñer no facebook e a moita xente que me segue, que son eurofans, vailles encantar.  

-E que cambios supuxo Eurovisión na túa carreira? 

-En Galicia o nome de Lucía Pérez afianzouse máis e abriume portas.  

-E fóra de Galicia, é máis difícil entrar?  

-É moito máis complicado, e máis cos cambios nos mercados na venda de discos. Pero estiven actuando por fóra. Por exemplo, estiven na Rioxa e acabo de estar en Madrid…, e se non fora a Eurovisión sería máis difícil.  

-Cres que para unha artista galega é máis difícil saír fóra de aquí?

-Totalmente. Se te fixas no panorama musical todos son andaluces. Téñeno moito máis fácil. Melendi, por exemplo, é do norte, pero con aire andaluz.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica