Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Lombo de porco Pedro Ximénez con champiñóns

Compartir:

Lombo de porco Pedro Ximénez con champiñóns

Cociñando no restaurante Punta del Este

Ingredientes para dúas persoas

Á procura de receitas para a nosa sección "Outono Gastronómico", chegamos desta vez ao restaurante Punta del Este. 

Situado nunha das principais entradas á vila, xusto na incorporación á autoestrada que vai á Coruña, o Punta del Este (Av. Malpica, 125, tfno. 981 70 42 80) atende a comensais do máis variado: dende obreiros até xente de negocios ou de paso, dende turistas até banquetes de vodas. Abriu as súas portas como restaurante xa nos anos oitenta mais, no 2001, decidiu dar un salto importante: converterse, ademais, no único hotel de tres estrelas do concello.

Ingredientes para dúas persoas

-Lombo de porco (400 gramos)
-Sal
-Pementa branca
-Fariña
-1,5 decilitros de viño Pedro Ximénez ou, no seu defecto, calquera outro viño doce ou xerez.
-2 decilitros de nata
-125 gramos de champiñóns
-6 tomates cherry
-Dez porcións de queixo fresco
-160 gramos de arroz

Adubar e enfariñar

O primeiro que temos que facer é preparar a carne. O proceso é moi sinxelo. Só hai que cortar o anaco de lombo en toros e adubalos con sal e pementa branca. Logo pasarémolos por fariña, e quitarémoslle o exceso  de fariña cunhas pequenas cachetadas. 

Ao mesmo tempo, podemos ir deixando xa o aceite a quecer na pota. Con dúas ou tres culleradas de aceite de oliva para mollar o cu da pota abonda.

Selar a carne

Pasamos a carne no aceite con lume medio-alto.  O obxectivo é que a carne quede selada, para que non solte o zume. Sabemos que está selada cando adquire polos dous lados unha cor dourada. Con pasala un minuto por cada lado debería ser suficiente.

Incorporamos os champiñóns, mellor se son naturais. Engadimos media cullerada de fariña, para espesar a salsa. Botámoslle o viño e deixamos que se evapore un par de minutos, de modo que reduza un pouco. Baixamos o lume e engadimos a nata. Deixámolo reducir ao redor dun minuto, e xa temos a carne preparada.

Preparar o arroz e os espetos de tomate e de queixo

O arroz será preparado en branco, para o cal só é preciso cocelo en auga e sal. Belén, a cociñeira que nos atende, recoméndanos empregar arroz Brillante para este prato en concreto e incorporar unha parte de arroz por dúas e media de auga. 

Prepararemos dous espetos coas porcións de queixo fresco e tomate. Farémolo alternando o queixo e os tomates cherry cortados á metade. Adubámolo con queixo, sal, pementa branca, ourego e aceite.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica