Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Artistas de Carballo e Muxía expoñen a súa obra...

Compartir:

Artistas de Carballo e Muxía expoñen a súa obra na mostra

Estará aberta no Pazo da Cultura até o 7 de xaneiro

Detalle de "Escalada a ningunha parte", de O´Mighelo

Ninguén é profeta na súa terra. Ou si? Un total de 32 artistas de Carballo e de Muxía expoñen, até o 7 de xaneiro, no Pazo da Cultura. As súas olladas, estilos e técnicas son diversas, de aí que a exposición se chame "Miradas", en plural, mais todos eles, todas elas, comparten unha mesma paixón, a arte, e tamén problemáticas similares: as dificultades para expoñer e para non desistir nun mundo tan monopolizado como é o da creación artística.

A forza que nace da unión

"Muller batea", de Viki Rivadulla

Da unión nace a forza, e do encontro, novas posibilidades. A exposición é a segunda edición que, exactamente nas mesmas datas (do 5 de decembro ao 7 de xaneiro) se celebrou o ano pasado en Muxía. O proxecto naceu da iniciativa dunha poeta que mestura orixes muxiás e carballesas, Rosalía Fernández Rial, que en 2011 xuntou, para un dos seus poemarios, Átonos, a seis artistas de ámbolos dous concellos e con distintas traxectorias artísticas.

Se te achegas ao terceiro andar do Pazo da Cultura, no baixocuberta, poderás atopar dende gravado até escultura e fotografía e, sobre todo, pintura. As obras devalan do conceptual ao figurativo, e podemos viaxar coa mirada dende escenarios como a feira de Carballo, que nos debuxa Milagros Cotelo, ou os motivos mariños, até unha idea, un desacougo ou un sentimento expresada de forma abstracta sobre o lenzo.

Un espazo, un impulso, unha porta

"Agardando", de Zizi

Para Mon Lendoiro, creador carballés con obra na mostra, iniciativas deste tipo ábrenlle portas ás artistas e aos artistas locais, proporciónanlles espazos onde darse a coñecer, e serven de impulso para que sigan adiante e se animen a expoñer mesmo individualmente.

As traxectorias, son porén, diversas. No elenco de artistas participantes podemos atopar nomes que traspasaron a barreira do local, como é o caso de Viki Rivadulla, Lola Oviedo, Peter Kramer, O Mighelo, Yano Yoro, Teresa Búa ou Santo Cereixo, que chegou a expoñer mesmo en Xapón. Nalgún caso mesmo son máis coñecidos e coñecidas fóra que na propia terra onde naceron.

Na exposición atopaémonos, ademais, coas obras Antonio Reino, Antonio Taracido, Coque Toba, Cristina C. Santiago, Diana Molina, Emi de las Heras, Eva Facal, C. Trillo, Fernando Mourón, Isa Fernández, Jacobo Veiga, Juan Villar Casares, José Garrido, Manuel Eirín, Manuel Pazos, Zizi, Chiña, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, Mónica Noya, Sar, Oti Fernandez, Pedro Tasende, Santi Picos e Clara Toba.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica