Venres de garage e techno house
Na Sala Dublín escoitaremos o garage de Fantasmage e SraSrSra, e na Reserva haberá festa electrónica co colectivo Atomik Musick London
Pinchando co colectivo Atomik Musik London
Apetéceche bailar ao golpe frenético de guitarras e baterías ou prefires deixarte levar polos ritmos electrónicos do techno house? Este venres, en Carballo inauguramos a ponte festiva cunha noite chea de música da man das nosas dúas salas de referencia, a Dublín e a Reserva.
Na Dublín terá lugar unha cita que @s habituais das paraxes sonoras do underground non se poderán perder, o segundo concerto do ciclo Alberto Gende, que contará coa banda viguesa Fantasmage e coa coruñesa SraSrSra. E na Reserva, haberá festa electrónica, e de balde, a cargo da Atomik Musik.
Garage en Carballo
En outubro, na inauguración do Ciclo Alberto Gende, a banda organizadora, a carballesa Franc3s, prometía facer en Carballo un concerto ao mes cos grupos galegos punteiros no underground estatal. Non defraudou aquela noite de principios de outono coa Sala Dublín chea de xente que acudira ao reclamo dos propios Franc3s, Triángulo de Amor Bizarro e Lowcos sobre o escenario. Un ano despois da morte de Alberto Gende, o considerado como o cuarto membro dos Franc3s, o que fora responsable do deseño gráfico dos traballos da banda, non podería ter recibido mellor homenaxe.
O segundo concerto, previsto para novembro cos grupos Las Palmeras e The Cobras, tivo que ser cancelado. SraSrSra e Fantasmage terán, pois, unha tarefa non menor: saciar, co seu garage, as ganas de máis que nos quedaron daquela primeira cita de outubro.
Fantasmage e SraSrSra son dous referentes da Galicia musical bizarra. Ambos os dous foron seleccionados, de feito, para os discos compilatorios de Galician Bizarre, un percorrido polos máis variados recunchos do panorama do underground galego.
SraSrSra son Zippo e Víctor: batería, guitarra e alaridos en temas breves e de enerxía electrizante, a modo dun berro de urxencia, a medio camiño entre o punk e o rock and roll.
Fantasmage son Daniel Nicolás e Andrés Magán, punk e garage, e comparten cos seus compañeiros de escenario a composición minimalista de batería, guitarra e voz. O seu primeiro demo, homónimo, foi escollido pola revista Mondo Sonoro Galicia-Castela León como o mellor do ano. Neste 2013 veñen de sacar dous splits, dous traballos compartidos cos alicantinos Futuro terror e cos madrileños Biznaga.
Festa techno house
Os concertos da Sala A Reserva son, semana a semana, ingrediente imprescindible da programación musical carballesa. Desta volta tócalle á música electrónica, nunha festa de balde que a Atomik Musik organiza xunto coa sala A Reserva, na que poderemos escoitar un pouco de todo: techno house, reagee, hip hop, punk…
Actuarán, por parte da Atomik Musik London, Haylo Moon (unha dj londinense influída pola escena underground que gusta de mesturar todo tipo de músicas, e sobre todo reagee) e o dj Uniko. Teremos tamén a Alber Keitor e a Antuan (de Sensitive), ademais dunha actuación sorpresa.
A pregunta segue en pé. Es máis de garage ou de música electrónica? Este venres, en Carballo, tes onde escoller.