Carballo a un paso

Compartir:

Miguel Giaquinto Arán, cociñeiro e propiteario da trattoria Vesubio

Os seus apelidos desvelan as súas dobres raíces, italianas e galegas. De pai napolitano e nai carballesa, Miguel Giaquinto Arán tiña que á forza herdar o gusto pola boa comida. Hoxe en día, cociñar é a súa forma de vida mais ten a gran sorte de gozala como se dun hobby se tratara. Di que hai ingredientes que  non nos pode revelar, pero cremos que descubrimos a parte máis importante do seu segredo: a paixón, o bo humor, a creatividade e as ganas que lle pon ao seu traballo.  

-Cando fundastes o Vesubio?

-Comezamos no ano 92. Despois, por circunstancias da vida, marchei e despois, cando volvín,  collín eu o negocio.

-Como pensastes en montar un local de comida italiana en Carballo?

-Porque eramos os únicos, non había outro local deste tipo.

Fabricando pasta

No Vesubio, fabrican a pasta eles mesmos

-E que tal se adaptou a xente á comida italiana naquel entón?

-Ao principio custoulles un pouco. Aquí temos o costume de comer as pastas moi cocidas e nós faciámolas "al dente", e custou que se adaptaran ao estilo de Italia.

-Agora xa hai máis locais italianos…


-Aquí en Carballo, como restaurante seguimos sendo os únicos. O resto son pizzerías.

-E como adaptades a comida italiana aos gustos da xente de aquí?

-Temos claro que a nosa base é a cociña italiana. Os produtos son italianos e a maioría das  materias primas son italianas. Aquí non renunciamos a iso, aínda que nalgún momento determinado podemos preparar algún prato especial.  Nas épocas das cachuchas, facemos lasaña de cocido e agora, por exemplo, temos a lasaña de boletus e castañas, que tamén se fai en Italia.

-E como é a lasaña de cocido?

-É sinxela. Ti fas un cocido, cos seus grelos, as súas cachuchas, a súa orella, o seu lacón,… Desmiúzalo todo e móntalo igual que outro tipo de  lasaña: base, cocido, parmesano, base e bechamel. Non ten máis ciencia, e sabe ben.

-Que tipo de pratos preparades especificamente para o outono?

-Nesta época, traballamos con moito tipo de cogomelos. Agora mesmo imos facer unha lasaña con orella de xudas, shitake, lepiota procera, níscalo, boletus edulis e angula do monte. Tamén preparamos raviolis recheos de boletus e castaña, ou mesmo de marisco. Iso é todo caseiro. O 80% da pasta producímola nós.

-Utilizades algún tipo de produtos da zona?

-Por suposto. Todo o que é legume, patacas, leitugas, tomates…, comprámolo aquí, ao igual que o pan. O marisco é fundamentalmente da Costa da Morte e de Burela. No caso das carnes, traballamos só tenreira galega certificada.

-Este é o único restaurante italiano que hai en Carballo?

-Prefiro a palabra trattoria, que é como, en italiano, se di restaurante.  Trattoria chámanlle aos restaurantes que traballan un pouco de pizza e un pouco de pasta. Tractores non vendemos (risos). Na zona de Bergantiños hai máis restaurantes italianos, pero eu penso que todos pecan un pouco de comida rápida. A nosa é comida á carta, un restaurante 100% italiano, e non o mesturamos con comida rápida ou comida lixo. Aínda que nós sexamos rápidos, non é de comida rápida (risos).

-Que produtos traedes de Italia?

-Moitos dos nosos produtos importámolos directamente de Italia, de onde traemos todos os queixos, os viños, a fariña, a sémola, e algún embutido.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica