Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A axenda da finde

Compartir:

A axenda da finde

Música e humor protagonizan esta finde en Carballo

Que non sabes que facer na finde? Pois achégate a Carballo, que non che han de faltar oportunidades para rir ou para gozar cunha boa música. Unha finde máis, os nosos pubs e salas de concertos converten a Carballo nun referente nese cóctel de ocio, música e actividade cultural que os caracteriza.

Venres: rock e humor politoxicómico

A noite do venres é a noite da marcha carballesa. Na Sala A Reserva actuarán, ás once da noite, One for apocalypse, un trío nacido en 2007 que aposta pola música post rock e ambient. Chegan a Carballo co seu segundo LP, "El Alma Negra", estreado neste 2013. O concerto comeza ás once da noite e costa 3 euros. Non lonxe de alí, na Estrela, a rúa por excelencia da marcha carballesa, teremos a Wlady Paz e a Zeus RB no Colours, que nos cantarán algún dos seus temas. Na Sala Dublín, ás once, a aposta será diferente. Alí teremos a un humorista que se define a si mesmo como bufón urbano, Yoni Mediogramo. Será a partir das once e a entrada sae a 5 euros.

Sábado: pecha o Novembro con Música

Este sábado pecha o Novembro con Música, o programa organizado entre o Concello, as agrupacións musicais locais e a Deputación que, todas as findes deste mes, nos agasallou con concertos gratuítos no Pazo da Cultura.

Nesta ocasión, teremos á Banda Municipal de Música de Carballo, a partir das nove da noite, que encherá o auditorio do Pazo da Cultura con temas clásicos e mais contemporáneos, obras de autor e pasodobres. Destacan, este ano, a intervención do profesor de percusión do Conservatorio, Francisco Vecino, e do Coro do Conservatorio, que cantará, xunto á banda, un pequeno poema.

Esa mesmo noite tamén volveremos ter menú humorístico. Nesta ocasión será no pub Goldie, que acollerá o monólogo de Gari a partir das dez e media.

Domingo: rock metal escandinavo

O domingo, a Sala A Reserva traeranos a unha coñecida banda escandinava, Sparzanza, que actuará, xunto cos coruñeses Ánima, a partir das dez da noite.

Poderemos aprezar, en Sparzanza, a calidade do seu rock metal nos temas do seu último álbum até o momento, "Death is certain. Life is not".

A banda sueca é ben coñecida nos festivais escandinos e centroeuropeos, alí onde ten o seu berce o rock metal.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica