"Gustaríame que este obradoiro non fose un feito illado senón cun proxecto de futuro"
Manuel Facal, o artista carballés máis internacional, imparte no Fórum un obradoiro de gravado
Manuel Facal co tórculo, no obradoiro
Ese neno que, no Carballo dos anos corenta, pintaba con xiz de cores nas beirarrúas e nas paredes, ese mozo que tivo a necesidade de voar lonxe para calmar a súa sede creadora, é hoxe o artista carballés máis internacional. Manuel Facal (gravador, escultor, pintor, artista integral…) estará esta tempada na capital bergantiñá impartindo un obradoiro de gravado no Fórum para as e os artistas locais. Aproveitamos para falar con el e para vixotar no obradoiro de gravado, entre papeis, tórculo, metal, augaforte e cores.
-Que importancia ten un obradoiro deste tipo para unha vila como Carballo?
-Para min, que poida existir esa posibilidade é un feito un tanto insólito. Eu nacín en Carballo e, para aprender a gravar, tiven que ir a Londres. En España, naquel momento, só se podía facer en Madrid, Sevilla e en Barcelona, en grandes capitais. Entón era impensable que nunha vila, como Carballo, puidese haber un obradoiro de gravado. Pasaron bastantes anos dende entón, e hoxe xa existen moitas máis posibilidades. Hai un centro de gravado, moi interesante, en Betanzos, e tamén a facultade de Belas Artes de Pontevedra.
-O obradoiro comezou o 19 de novembro. Que tal vai transcorrendo?
-Coido que moi ben. A xente vese interesada e creo que está contenta, aínda que habería que preguntarlle a eles. Teñen unha idade entre 30 e 40 anos aproximadamente. Case todos son pintores da zona de Carballo. Temos dous grupos, de oito e de seis persoas, e un terceiro que comezará ao redor do mes de xaneiro. A idea é que, unha vez rematado o obradoiro, siga aberto. Non todo o mundo pode montar na casa un obradoiro de gravado, por cuestión económica e de espazo. É importante que haxa un espazo ao que a xente poida acceder sen ter que montar un obradoiro de gravado na casa.
-Como ten estruturado o obradoiro de gravado?
-É puramente experimentación, como un feito moi libre, non suxeito a academicismo, senón procurando unha arte aberta.
-Que lle gustaría conseguir co seu alumnado?
-Darlle continuidade, que teña vida, que non sexa un feito illado e puntual, senón dinámico e cun proxecto de futuro. Que non sexa un cursiño do que non queda nada, senón que haxa posibilidade de que a xente siga traballando.
-Vostede estaría disposto a continuar?
-Eu non, eu só estou para inicialos. Refírome a que veña xente doutras latitudes a renovar e continuar este proxecto.
-Que lle pode achegar o gravado ás e aos artistas de Carballo?
-Hoxe en día a situación está economicamente moi frouxa pero, hai anos, había a posibilidade de vender moita obra de gravado. Non era moi custosa e era accesible a todos os mercados. Hoxe en día, con esta situación económica tan deficiente, é máis complicado.
-Como ve a situación artística de Galicia?
-Moi mal, porque baixou moito a demanda e o interese, fundamentalmente por fundacións, por concellos, por bancos, caixas e museos, que nos últimos anos estaban adquirindo moita obra. Pero agora con esta crise…
-E canto ao nivel da creación artística?
-Moita xente non pode pensar agora en perspectivas artísticas, en sobrevivir da arte. Iso corta a ilusión, e os proxectos de xente que lle gustaría dedicarse á arte.
Preparando o debuxo
-Porén, o feito de que se crearan institucións como o CGAC (o Centro Galego de Arte Contemporánea) ou a facultade de Belas Artes tivo un papel importante para formar creadores…
-Si, pero agora non hai saída para esa xente. Mesmo no ensino artístico é difícil atopar saída para estas persoas, porque hai limitación de prazas…
-Que importancia poden ter as artes plásticas para unha vila como Carballo?
-Tanto para unha vila como Carballo como para unha gran cidade, as artes plásticas son importantes para educar a sensibilidade. Para unha formación integral e humanística é imprescindible non só facer arte, senón ver e habituarse á arte. É, ademais, fundamental para a creación de liberdade, de comunidade.
-Vostede non ten residencia fixa en Carballo, pero dalgún modo segue sentindo como se vivira aquí…
-Estou bastante en contacto con Carballo. Tres ou catro meses do ano pásoos en Carballo.
-Como influíron Carballo e Bergantiños na súa obra artística?
-Nacín nun contexto tan pobre como era o do Carballo dos anos corenta, na posguerra. Imaxínate o que era Carballo entón. Non existía ningún rastro de expectativas de algo que fora cultural. Iso obrigoume, como revulsivo, a procurar outras expectativas que non foran as de Carballo deses anos de posguerra, levoume a fuxir desa situación.
As placas de cinc na augaforte
-Onde atopou vostede esas ás?
-Viaxando, por Francia, Italia… Descobres que existe outro mundo máis ideal. Viaxar é fundamental. Eu, aos quince ou dezaseis anos, xa viaxei ao estranxeiro. Lembro de comprar en Francia música clásica, algo que aquí era insólito neses tempos.
-En que momento nace a inquedanza artística?
-De neno, na infancia.
-Xa cando era neno, aquí en Carballo, sentía esa necesidade?
-Si, sentía esa necesidade de procura, de apartarme desa mediocridade do ambiente. Comecei debuxando, nas beirarrúas, e nas paredes, con xiz de cores, cousas figurativas, que era o que podía pensar naquel momento.
-Que cre que vai quedar en vostede de carballés por moito que viaxe?
-As orixes, é irrenunciable e imposible de borrar, son marcas, xenética que está aí e que non a podes obviar.
-Algo xenético, incluso?
-Si, seguro…
-Como se manifesta na súa personalidade, na súa vida, a pegada de Bergantiños?
-De Bergantiños, son determinantes o mar, a costa, os prados da zona.
Sacando as placas de cinc da augaforte
-O mar ten, de feito, unha influencia en vostede á hora de crear…
-Si, moita. Naces nel e é algo que forma parte do teu contorno e de ti tamén, como persoa que forma parte desa paisaxe.
-A influencia do mar vese nas dúas esculturas que fixo en anos recentes para Carballo, O Escalo e O Peixe?
-Si, esta clarísimo. Son elementos moi plásticos. Un peixe é algo moi plástico e moi simple á vez, un elemento fundamental en toda Galicia, para comer e para contemplar.
-Por que pensou no peixe para facer esas dúas esculturas?
-Non foi tanto pensar, senón algo moi inmediato, simple, sinxelo de realizar, que fose significativo e transparente, que non fose unha escultura pechada, senón aberta, para dar visibilidade, lixeireza e dinamismo.
-Nesas esculturas, vostede puxo a súa man de obra de maneira gratuíta. Tamén doou outras dúas obras: en 1988, unha pintura para a casa consistorial, e hai pouco, unha serigrafía para o Fórum. Por que esa xenerosidade?
-En primeiro lugar, para colaborar co concello, obviamente, dada a posibilidade que me abriron. E logo, para deixar claro que non había un interese económico.