Carballo a un paso

Inicio // Artigos // ¿Mulleres de vida alegre?

Compartir:

¿Mulleres de vida alegre?

Con motivo deste 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Pazo da Cultura acolle unha mostra sobre explotación sexual

Adoito acostumamos identificar violencia de xénero con violencia doméstica, co home maltratador que lle pega á súa muller. Pero a violencia de xénero vai moito máis aló. É toda aquela violencia que as mulleres sofren polo simple feito de naceren mulleres.  A trata e o tráfico de mulleres constitúe unha das súas múltiples facetas. Concienciarnos sobre  este problema en concreto, un dos negocios delituosos que máis beneficios reporta no mundo, ao igual que o tráfico de drogas e de armas,  e sobre a explotación sexual en xeral, é o fin desta mostra, cedida por Médicos do Mundo. Podémola ver estes días no Pazo da Cultura, nunha sala de exposicións próxima ao auditorio.

A mostra lévanos á reflexión  xa dende o propio título: "Mulleres de vida alegre?". Si, entre interrogantes, porque a vida destas mulleres é, moitas veces, todo menos alegre. En especial, naqueles casos, que non son poucos, nos que a prostitución é forzada, ben porque caeron nas poutas dunha rede, ben porque poucas máis cartas había que puideran xogar na súa baralla vital.

Drogodependencias, situacións familiares complexas, malos tratos, pobreza, contextos de partida marcados pola conflitividade social e política…, son moitos dos varios factores que levan á prostitución. Enganos, violencia, explotación, condicións laborais que nalgún caso son de auténtica escravitude, … están á orde do día.

Contra os estereotipos

Esta exposición, que está conformada por fotografías de Salvador Campillo, cóntanos todo isto a través da historia de catro mulleres. Sorprenden os seus currículos: Avogadas, empresarias, diplomadas en turismo… Por un revés da vida, por violentas situacións familiares, por teren nacido en países empobrecidos, en crise económica ou política, … houbo un momento que deron o paso para tirar adiante na vida.   A través das súas declaracións, que acompañan ás fotos, ensínannos que antes que prostitutas son, sobre todo persoas.

"Non é tan doado saír á rúa e esperar un home. Eu teño os meus pensamentos, os  meus sentimentos, non é tan doado. Somos iguais á xente que vai ver a exposición. Somos persoas, non animais", deixa recollido nun dos paneis Andrea, diplomada en turismo pola Universidade de Praga que un día, hai uns anos, chegou a Mallorca coa promesa dun falso traballo que resultou materializarse nunha cama nun club. Mais ás persoas custa velas cando o primeiro que miramos son os estereotipos. A rachalos quere contribuír esta mostra.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica