Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "Antes facíasense balóns con calcetíns ou paus de...

Compartir:

"Antes facíasense balóns con calcetíns ou paus de xockei con cadolos de verzas"

Apolinar Graña participa na organización do curso sobre Patrimonio Lúdico que se celebra o 8 e o 9 no Fórum

Apolinar Graña naceu en Buño

Apolinar Graña naceu en Buño

Esta semana Carballo será a sede do único curso sobre xogos tradicionais e populares que hai en Galicia dirixido a docentes. Falamos con Apolinar Graña, licenciado  en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e investigador, nacido aquí pretiño en Buño. Forma parte da organización do curso e, ademais, está a desenvolver a súa tese doutoral sobre xogos tradicionais.

-Como entraches en contacto co mundo dos xogos tradicionais?

-Pois coma todo o mundo. Cando es neno, sempre xogas, cos amigos e amigas, cos pais, cos curmáns maiores…

-Que lembras daqueles tempos?

-O ben que o  pasabamos indo roubar a froita ás hortas, xogando aos vaqueiros polo monte, indo aos cágados, aos grilos,… Eran os xogos que había: gabear as árbores, facer os tiramillos, os tirapedras, os tiratacos…

-Ti tes 33 anos, mais este mundo do que me falas xa non é o mundo dos nenos e nenas de agora…

-Para nada. Non é que non sexa. Sobre todo no rural, pode manterse. Buño non cambiou moito nestes trinta anos, pero Carballo si. Houbo un cambio social importante. Para os xogos populares, é primordial a presencia da contorna. Xa os xogos que recollían Vicente Risco e Xaquín Lorenzo tiñan todos que ver coa natureza. Xogábase na eira, nas hortas, nos montes ou na praia que tiñas ao lado, na praza… Non había estes parques que están deseñados para garda e custodia dos nenos, que son como minicárceres. Nós andabamos ceibes polo monte. Marchabamos ás tres da tarde e até a noite non volviamos, sobre todo na primavera e no verán.

"Nestes xogos, os cativos e as cativas teñen que dialogar para ver como se fan os equipos e que normas hai. O xogo popular é máis autorregulado, e ten un potencial tremendo a nivel de relación social e na motricidade"

-Os nenos e as nenas de hoxe son menos libres?

-Hoxe en día os nenos non teñen esa liberdade. O índice de accidentes infantís ou de desaparicións de nenos non é nada, pero hai ese medo porque vivimos na cultura do medo. Nas cidades, a cimentación ou o urbanismo salvaxe quita espazos e iso mina ese xogo espontáneo e libre, que pasa a ser intervido por institucións escolares, académicas, oficiais en definitiva. Houbo tamén un salto xeracional importante. A xente delegou nas institucións e a transmisión oral rompeuse, sobre todo nas zonas máis próximas ás cidades grandes.

-Que repercusións ten isto nos nenos e nas nenas?


-Xogan ao que vén. Estamos no mundo das pantallas. No estado español, só se ve fútbol e unha gran porcentaxe de nenos xogan ao fútbol, ou practican outros deportes. Despois está o mundo das consolas, e dos videoxogos. Co clima que temos, un pai ou unha nai prefire ter a un neno coa televisión na casa a que ande a coller unha molladura. E ademais, hoxe en día os nenos e as nenas teñen unha sobrecarga de actividades brutal, tanto escolares como extraescolares. Nós saiamos da escola e tiñamos todo o tempo para nós.

-Que vantaxes teñen os xogos tradicionais populares?

-Sobre todo teñen un compoñente de  diálogo e de integración que o deporte non ten. O deporte, pola súa natureza, rexeita a quen é torpe. Neste tipo de xogos, un é bo nunha cousa, outro, noutra…, e os cativos e as cativas teñen que dialogar para ver como se fan os equipos e que normas hai. O xogo popular é máis autorregulado, e ten un potencial tremendo a nivel de relación social e na motricidade.

-A que tipo de habilidades motrices te refires?


-Cando estás a facer un tirapedras, por exemplo, estás a desenvolver unhas habilidades manuais que o día de mañá che poden axudar a aprender determinados oficios, a carpintería, poñamos por caso. O xogo popular leva a correr, a saltar, á manipulación de obxectos, ao desenvolvemento da praxia fina, aquela que nos permite traballar a coordinación óculo-manual. Ademais, se es ti quen fas o teu xoguete, valóralo máis. Antes non había moitos recursos, e entón era preciso discorrer. Facíasense balóns con calcetíns ou paus de xockei con cadolos de verzas, por exemplo. Ti mesmo facías a túa billarda ou a túa estornela. Iso facía que desenvolveras unha serie de habilidades. Máis hoxe en día é impensable que o neno leve unha navalla ou un coitelo consigo para facer o seu xoguete.

 -Bergantiños é unha comarca cunha marcada identidade propia, tamén no que ao patrimonio lúdico se refire?

-A Costa da Morte é moi característica. Canto a patrimonio lúdico, nótase que temos costa e interior. Na costa, en zonas como Malpica, atopamos xogos como saltar dende o porto, ir á vía (unha especie de surf sen táboa de surf), o perillote… Abrindo o abano máis aló da costa, atopamos xogos como a chave, a billarda, o bote boteo, que é unha especie de xogo das agochadas…

  -E que xogos son característicos da zona de Carballo?

-Na zona de Carballo hai moita tradición de xogar á chave, tradición que algunhas tabernas recolleron. Tamén está a estornela, as bolas, as pandas, o salto, o ovo pico araña, o monta na churra, o aro, as buxainas…


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader