Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Curso de xogos tradicionais no Fórum

Compartir:

Curso de xogos tradicionais no Fórum

Vai dirixido ao mundo da educación e celébrase o 8 e o 9 de novembro

Xogaches algunha vez á chave, ás chapas, ao tres en raia ou ao brilé? Ensinácheslles a xogar ás túas crianzas? Construíches algunha vez un instrumento musical cun simple pao ou mesmo fuches quen de facer soar unha herbiña? Sabido é que os xogos son fundamentais para o noso desenvolvemento como persoas. Mais os xogos tradicionais engaden ademais varios plus: incentivan a creatividade, a autonomía e o coñecemento do medio, e son unha mostra máis da nosa cultura.

O movemento para a recuperación do xogo tradicional e popular galego está a coller cada vez máis forza. Dende principios deste milenio colle músculo organizado, con máis presenza pública, proxectos e iniciativas. Unha delas é o curso para educadores e educadoras que Nova Escola Galega e a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional organizan conxuntamente dende hai cinco anos. Este ano, celebrarase no Fórum en Carballo, os días 8 e 9 de novembro. Se es educador ou educadora en calquera que sexa o ámbito (ensino formal, educación social, terceira idade, tempo libre…), ou se tes vocación docente, esta iniciativa achegarache novas ideas e recursos. Velaquí unha guía rápida.

Cales van ser os contidos do curso?

Haberá contidos teóricos e prácticos. As charlas expositivas darannos a posibilidade de saber máis sobre materias como o patrimonio lúdico galego, o papel do xogo tradicional na resolución de conflitos e a súa presenza na iconografía.

Tamén teremos oportunidade de coñecer iniciativas como o Tastarabás, a enciclopedia de brinquedos tradicionais que vén de ser publicada este ano en Xerais, ou Ludaria, sobre patrimonio lúdico europeo.

E imos aprender a xogar tamén?

Pois un curso sobre xogo tradicional, inevitablemente ten que ensinar a xogar. Haberá obradoiros sobre xogos como o peón, a chave ou o pucheiro cacerolo, e no CEIP San Luis Romero organizarase unha xornada  de aprendizaxe e práctica de xogos tradicionais, tanto con xogos de patio escolar (o peón, a corda, tres en raia, as bólas…) como xogos para persoas adultas (a porca, a petanca, a chave, a ra…) ou outros grandes xogos como o tiro de corda, a cadea ou o tirapedras. Ademais, haberá outros dous obradoiros máis: sobre xogo tradicional e tecnoloxías da natureza, e sobre xogos e cancións motrices do mundo, a cargo dun auténtico experto, Julio Ángel Herrador, da Universidade Pablo Olavide de Sevilla.

Por que se fai este ano en Carballo?

O curso comezou organizándose en Melide pero, xa na súa cuarta edición, decidiron desprazarse a outros lugares de Galicia, para facilitarlles a asistencia a educadores e educadoras doutras zonas. O ano pasado foi na Illa de Arousa e este ano tocoulle a Carballo. Ademais, dinos Paco Veiga, de Nova Escola Galega, Bergantiños é unha das comarcas con identidade mellor definida de Galicia. Aquí, destaca Veiga, son varias as iniciativas xurdidas para a recuperación do xogo tradicional, dende o Museo Etnolúdico de Galicia, que hai pouco foi inaugurado en Ponteceso, até clubs de chave ou mesmo teses doutorais, como a que está a desenvolver neste momento Apolinar Graña.

Cal é a potencialidade do xogo tradicional como ferramenta educadora?

"Se non xogaramos, non chegariamos a ser persoas", insiste Paco Veiga. O xogo é fundamental para o noso desenvolvemento como persoas, pero tamén para o desenvolvemento harmónico do noso corpo. Os xogos tradicionais, ademais, facilitan o manexo da tecnoloxía en contacto coa natureza e promoven a autonomía do neno, da nena. De feito, di Veiga, as cativas e os cativos do rural adoitan ser máis autónomos que nas contornas urbanas. Ademais, o xogo tradicional pode ser utilizado para a resolución de conflitos, tal e como xa teñen amosado colexios da comarca.

En que son mellores os xoguetes tradicionais?

Con todos os xogos se pode gozar e aprender. Mais hai algo no que os xogos tradicionais levan vantaxe. Son unha ferramenta de gran valor para evitar a vida sedentaria e a aculturación. Non poderás xogar se non levantas o cu do sofá e saes ao aire libre! E as normas beben da nosa propia cultura, do que nos transmitiron as e os novos avós.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica