Carballo a un paso

Inicio // Artigos // II Outono en Marcha: Sendeirismo polo Carballo...

Compartir:

II Outono en Marcha: Sendeirismo polo Carballo máis descoñecido

Rutas da asociación ambiental Senda Nova por paisaxes únicas: o mítico Monte Neme, as férvedas de Entrecruces e Rus, o litoral de Razo a Baldaio…

Ruta polo litoral de Razo e Baldaio

Ruta polo litoral de Razo e Baldaio

Sendeirismo, cultura e interpretación do patrimonio. Carballo e Bergantiños como nunca o viras antes. Eses son os principais atractivos do II Outono en Marcha, que organiza a asociación ambiental carballesa Senda Nova, unha serie de roteiros que che darán a oportunidade de coñecer, dende unha nova e enriquecedora perspectiva, as paixases do noso concello e da nosa comarca. Unha boa alternativa ao sofá para os domingos do outono.

Fermosas e esquecidas corredoiras

Corredoira

Descubrirás fermosas corredoiras

Son moitos os momentos e as estampas únicas que promete este II Outono en marcha: as paisaxes lunares e as amplas vistas ao Atlántico do mítico Monte Neme, o litoral de Razo e Baldaio, a Ruta das Férvedas entre as corredoiras da Depresión Meridiana, os ríos de Sofán… Se che cadra estar de visita en Carballo, gustarache coñecer os seus recunchos máis segredos. E se es da zona, seguro te has de sorprender con paisaxes que nunca viras.

Porque Senda Nova, facendo honra ao seu nome, recupera vellas corredoiras, agora en desuso, para poder coñecer os nosos ríos, parroquias e montes dende a súa perspectiva máis íntima, para poder introducirnos na paisaxe mellor conservada e menos vista: a que está lonxe das estradas e das pistas de asfalto.

O sinal de identidade das rutas de Senda Nova son dous: o esforzo que a organización fai na interpretación do patrimonio e o traballo que realiza en abrir carreiros, fouciño en man, esquecidos dende hai anos. Iso fainas non só especiais, senón tamén, un algo máxicas.

Interpretando o patrimonio

Ás rutas adoitan acudir  tanto expertos na comarca bergantiñá como xente da zona polas que discorren que son auténticas enciclopedias abertas, enciclopedias vivintes das que aprender a historia dos castros, pazos e mámoas, as lendas vencelladas a eses espazos, os nomes das plantas, as pegadas da fauna, a memoria das e dos nosos devanceiros…

Son todas elas rutas deseñadas pola propia asociación, Senda Nova, que ten o compromiso de percorrelas ao menos unha vez ano ano para que non queden no abandono. A asociación, que  organiza tamén o Primavera en Ruta, adoita incorporar en cada edición unha nova proposta. Nesta ocasión, tócalle á parroquia de Sofán, unha das máis grandes do concello, que percorreremos nunha ruta circular á beiriña dos seus ríos. E, por certo, as rutas que Senda Nova organiza por paisaxes fluviais adoitan destacar pola súa fermosura.

Podes consultar o programa completo das rutas nos dous pdf que adxuntamos, así como os lugares e horarios nos que poderás apuntarte.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica