O Fórum expón o III Enarborar o Bosque
A mostra, contra o proxecto mineiro de Corcoesto, congregar a artistas de toda Galicia
O austríaco Ivor Smodek, creando para "Enarborar o bosque"
Arte comprometida coa defensa medioambiental. Esa é a razón de ser de "Enarborar o bosque", unha iniciativa que, dende hai tres edicións, leva adiante o colectivo artístico ArTEeu (Inma Doval e Xacobe Meléndrez) e o artista Delio Sánchez, de Factoría Ideas. Este ano, os esforzos centráronse na loita contra a mina de Corcoesto. O 1 de xuño, varias ducias de artistas (poetas, fotógrafas, artistas plásticos…) xuntáronse na carballeira de Santa Mariña de Corcoesto nunha peculiar romaría, que tiña como fin crear e facer escoitar a súa voz en contra da minaría extractiva a ceo aberto. Os resultados expóñense, até o 15 de novembro, no Fórum de Carballo.
Carballo, centro da arte comprometida
Carballo será, estas semanas, centro da arte comprometida, da arte con mensaxe. As obras que compoñen a mostra son da autoría de artistas de toda Galicia, e mesmo nalgún caso de fóra, e mostran o compromiso destas e destes artistas coa defensa ambiental.
A exposición foi inaugurada, o 19 de outubro, nun ambiente de celebración. Xusto nesta semana, o presidente da Xunta viña de anunciar a cancelación do proxecto para a extracción a ceo aberto de ouro en Corcoesto.
E é que alí onde poñen o ollo, estes e estas artistas semella que tamén poñen a bala. A edición anterior do "Enarborar o bosque" centrárase na loita contra o proxecto de construción dunha incineradora no Irixo, no sur de Galicia, que finalmente a Xunta tamén desbotou. O "Enarborar o bosque" parece tocado por unha especial fortuna aínda que, probablemente, o que hai de fondo, non é máis que os resultados dun activo movemento cívico a prol da defensa ambiental en Galicia.
Un milladoiro para Corcoesto
O milladoiro que se está a construír no Fórum
Na exposición estase a elaborar un novo milladoiro para Corcoesto, trala destrución do creado na romaría artística do 1 de xuño por sectores a prol da mina.
Os milladoiros son conxuncións de pedras aos que a tradición lles asigna un carácter máxico. O destruído en Corcoesto, no camiño á antiga mina, estaba conformado por pedras intervidas de artistas como Helena Villar Janeiro, Francisco Fernández Naval, Tati Mancebo, Iolanda Aldreu, Carlos Botana ou Mercedes Molares e constituía, segundo Xacobe Meléndrez, do colectivo ArTeu, unha peza con valor creativo senón tamén económico. Agora está a ser erguido en Carballo e logo trasladado a Corcoesto.
A exposición tamén poderá verse máis adiante, xa en 2014, na galería compostelana El Taller.