Torneo de hockei en Carballo
Estarán todos os clubes galegos que compiten en liga
Carballo é vila de deporte e, un exemplo diso, é a celebración estes días do VII Torneo Escola Lubiáns de Hoquei a patíns, que está a traer por estes lares a todos os clubes galegos que compiten en liga. Pero este será moito máis que un torneo, porque coincide co trinta aniversario da Escola Lubiáns. Con tal motivo, foi elaborado un programa que tamén inclúe concerto o sábado, xornada de convivencia o domingo e a participación de equipos galegos de máximo nivel, como o Cerceda, que xoga na máxima categoría do hoquei nacional, e os Dominicos, que compiten en primeira división. Ambos os dous protagonizaron o mércores o partido de presentación.
Con motivo do seu trixésimo aniversario, a Escola Lubiáns retrasou este ano o torneo que todos os anos adoita organizar para o mes de xuño, a final da tempada. O venres dispútanse as seminifinais e o sábado terán lugar as finais das categorías prebenxamín, benxamín e alevín, así como a entrega de trofeos, trala que haberá churrascada e actuación dos grupos Dude e Versión Imposible. E o domingo será a xornada de convivencia, con comida e inchables para os nenos.
A Escola Lubiáns destaca polos seus esforzos na formación de canteira. É, de feito, a única da zona con deporte de base. Mais non é o seu único forte. A categoría senior compite na Liga Autonómica Galega e quere aspirar este ano ao ascenso a primeira nacional. E a súa noviña sección de patinaxe, creada o ano pasado, empezará este curso, a partir do nadal, a competir.
Ao longo destes anos, a Escola Lubiáns achegou, ademais, varios xogadores á selección galega. Entre os seus principais retos, o ascenso da categoría sénior a Primeira Nacional e crear a categoría infantil e xuvenil. Dende aquí, os nosos parabéns!