Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Ruta verbeneira por Carballo

Compartir:

Ruta verbeneira por Carballo

En agosto, as verbenas enchen de música as parroquias do concello. Veñen de rematar as festas de Sofán e agora xa están a piques de comezar as de Berdillo, que son o preludio dese clímax festeiro que é o 15 de agosto. Até mediados de agosto, isto vai ser un non parar. Non faltarán oportunidades, nestes días que seguen, de gozar dese ambiente especial que inunda, ano a ano, os campos das festas das aldeas.


Combo Dominicano en directo

Combo Dominicano en directo

Veñen de rematar as festas en Sofán e fixérono, onte, co adro a rebentar. A orquesta Aché conseguiu poñer todo o campo da festa a bailar, a moz@s, a nen@s e a menos moz@s, até altas horas da noite. Demostraron que lles sobra, dende logo, capacidade para conectar co público. 

Mais a parroquia é grande e, aínda que a verbena rematou na Baixa de Sofán, á beira da igrexa parroquial, comeza agora noutros lugares da zona alta da parroquia. Hoxe haberá churrascada e orquestra no Tarambollo, e o 10, en Prearada.

Berdillo: música, festa e cabalos

Xusto ao rematar en Sofán, comeza a festa en fronte, en Berdillo. O sábado, 10 de agosto, actuarán os grupos Metrópolis e Midas e, ao día seguinte, farano American Pop e Nueva Imperial. Esta xornada, a do domingo, traeranos tamén unha sorpresiña: a exhibición cabalar de doma clásica. E o luns, o prato estrela, o grupo Combo Dominicano, un reclamo seguro para a mocidade, que volverá por esta zona pouco despois de ter actuado, con gran éxito de asistencia, nas festas de Artes.

E queda máis, moito máis, porque o 15 de agosto é o día verbeneiro por excelencia. Neses días, son as festas grandes en Rus, Bértoa e Ardaña.

A un paso

A un paso, no resto dos concellos da Costa da Morte, a axenda festeira non ten xa máis ocos para encher. Esta fin de semana será a festa da Fervenza en Mazaricos, unha das máis agardadas pola mocidade, coa Panorama como orquestra estrela. E, ademais, festas en San Mamede (Carnota), Vimianzo, Sardiñeiro, Buño, Pindo, Quilmas e A Curra, Nemeñoas da Trabe de Ponteceso e as da praia da Langosteira, en Fisterra, o sábado.




Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica