Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Entrevista a Nelson Quinteiro

Compartir:

Entrevista a Nelson Quinteiro

Orquesta Gharbo: na tradición está o orixinal

Nelson Quinteiro, a voz e a alma de

Nelson Quinteiro, a voz e a alma de "Orquesta Gharbo"

Nelson Quinteiro estará este venres en Carballo co seu espectáculo "Orquesta Gharbo". Unha mestura de tradición e modernidade, de folk con latin jazz ou flamenco, de tangos e muiñeiras que, dende logo, promete. Será a primeira vez que presente en directo o repertorio do que vai a ser o disco de "Orquestra Gharbo". Primicia mundial.

-Coñeces Carballo?


-Non coñezo Carballo aínda que, cando estiven no internado, coincidín con moita xente de Carballo. Eu son do Morrazo e a música que fago, leva moito do Morrazo…


-Pero no teu repertorio tes dúas pezas da zona de Carballo, o "Maneo de Baldaio" e a "Muiñeira de Sofán". Como as coñeceches?

-Coñecinas por medio de Liñaceira, un grupo de pandereiteiras no que estiven a finais dos anos noventa. Nel estaba Noa Díaz, a filla de Moncho, de Fuxan os ventos, e Moncho estivo recollendo música tradicional na zona da Costa da Morte.


-E poderemos ver mañá algunha destas pezas da zona de Carballo?

-O "Maneo de Baldaio" forma parte do espectáculo de Gharbo. Baldaio vai ser o segundo tema e o bis. Démoslle un aire de latin jazz e de flamenco.

-Por que escolliches dúas pezas como estas?


- Os temas escólloos en función das historias que contan. O "Maneo de Baldaio" ten unha interpretación sobre  a xente que é amada por un descoñecido, esa persoa que bebe os ventos  por nós, coa que nos cruzamos no ascensor ou coa que coincidimos no bus, sen nós sabelo.


-E a "Muiñeira de Sofán", que di iso de que "Ai señor  cura de Sofán, eu a doutrina non lla sei, díghame unha cantighuela que eu lla repinicarei"…?

-A "Muiñeira de Sofán" é un tema moi popular xa. Fixémoslle un retrouso diferente: "Anda, nena, anda, non sexas así, que te alabe o mundo, non te alabes ti". Fala do tema anticlerical e da fachenda.

14 persoas en escea

"É a primeira vez que se presenta este repertorio coa nova orquestración. E este é o repertorio que se vai gravar no disco. É levar a directo o que vai ser o disco."

-Quen estará no espectáculo deste venres na Praza do Concello?

-Estará Maghúa, que é un grupo de pandereiteiros homes, e tamén  unha parella de bailador e bailadora (Miguel Sotelo, de Cangas, e Belén Trabazo, de Marín), a cantautora Silvia Penide, o bailarín Iván Villar, de Cee, as actrices María Polo e Uxía Vázquez e os músicos Pulpiño Viascón, Álex Lorenzo, Fran Castro e Eduardo Méndez (Dubi).

Eu encárgome da voz, da idea, da dirección escénica, dos arranxos e da coordinación musical.

-O espectáculo Orquesta Gharbo ten varios formatos. Cal vas traer a Carballo?

-Vou traer case o máis grande. Serán 14 persoas en escea.

-A que te refires cando dis que a estrea en Carballo de "Gharbo" vai ser unha primicia mundial?

-É a primeira vez que se presenta este repertorio coa nova orquestración. E este é o repertorio que se vai gravar no disco. É levar a directo o que vai ser o disco.

-Como naceu a idea que deu orixe a este espectáculo?

-Eu tiña unha coprodución co Centro Coreográfico Galego que rematou a principios deste ano. Quixen aproveitar ese tirón para facer un disco. Para recadar fondos, empezamos cunha campaña de crowfunding.

Buscar o diferente no tradicional

Os pedais permítenlle cantar a Nelson como se el fose un coro

Algúns instrumentos teñen un punto friki e case máxico

-E canto recadaches até o momento?  

-Recadei 2.300 euros. Con isto, podemos pagar xa a gravación do disco. Rematou unha fase, pero a campaña aínda segue aberta en gharbo.org/crowfunding. Cando se remate o disco, esta páxina será unha lonxa virtual, onde poder comprar o disco, entradas a concertos...

-E que obtén a cambio a persoa que fai unha achega económica para financiar o disco?

-Dependendo da contía da colaboración, ten distintas recompensas: dende tres temas de balde en mp3, até o disco asinado ou, por exemplo, un concerto en formato dúo (por 200 euros de achega).

-Que procurabas con este espectáculo?

-Falar do meu universo e da miña maneira de entender a música e a tradición. Baséome na tradición pero reinterpretándoa con arranxos de toque moderno. Parto do principio de Isaac Díaz Pardo: se queres ser orixinal, bebe das raíces. Quixen tamén darlle unha volta de parafuso a realidades asumidas. As voces ou as persoas que toquen a pandeireta, por exemplo, non teñen por que ser mulleres.


"Somos xente nacida entre o 75 e o 80. Somos os primeiros universitarios sen traballo, os primeiros mileuristas. Non vivimos o boom da música folk dos anos 90. Agora nós atopámonos cunha "cabronada" de panorama."

-Neste espectáculo contas con numerosas colaboracións. Como escolleches aos teus colaboradores e colaboradoras?

-A escolla ten unha parte moi xeracional. É xente nacida entre o 75 e o 80, a xeración do "Naranjito". O prólogo do disco é do escritor Diego Ameixeiras, quen,  no libro "Tres segundos de memoria" define moi ben a nosa xeración. Somos os primeiros universitarios sen traballo, os primeiros mileuristas. Non vivimos o boom da música folk dos anos 90, cando funcionaban as discográficas, cando había distribuidoras en Galicia. Agora nós atopámonos cunha "cabronada" de panorama. Somos emerxentes porque nolo estamos currando. Estamos aí, manténdonos, e agardando a tempos mellores.  

-Dinos motivos polos que a xente se debe animar mañá a vir ao espectáculo de "Orquesta Gharbo"… 

 -Porque é impresionante, unha aposta musical que sorprende a propios e estraños. Porque esteticamente é embriagador, onírico. Porque o nivel da música e da danza é moi alto. E ten ademais un punto "friki". Tocamos instrumentos aos que a xente non está acostumada, case máxicos.  Hai instrumentos que me permiten desdobrarme cantando, que me permiten facer até cinco voces simultáneas, como se  eu só fose un coro. Iso mesmo faino tamén o guitarrista. E temos unha batería zendrum, un aparato que parece case extraterrestre. É como se tiveramos no mesmo aparello unha batería de rock, étnica e hindú.



Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica