Unha finde festivaleira
Está a ser esta unha semana de música, festa e motor en Carballo e nos concellos próximos. A actuación de Orquesta Gharbo na nosa vila, o festival folk de Zas, a inauguración da Mostra de Olería de Buño, o festival Castelo Rock, a Motofesta de Ponteceso e a Festa da Praia no Ézaro agárdannos esta finde.
Mostra de Olería en Buño
Cartel da Mostra
E tamén á madurez dos trinta anos chega este agosto a Mostra de Olería de Buño, que se inicia este venres 2 de agosto. Ás seis será o acto oficial de inauguración, que irá precedido dos IV Encontros de música e danza tradicional a cargo das asociacións culturais Carcaxía, Raigañas e Malante. Nos once primeiros días de agosto, Buño será a capital galega da artesanía.
Todas as tardes, as e os máis cativos da casa poderán xogar e aprender a moldear no obradoiro de barro que se organizará de cinco a oito da tarde. E a partir das sete, todos os días, música e danza tradicional, animación de rúa e novo circo.
Poderemos ver como traballan @s oleiros, pois haberá exhibicións de doce a dúas do mediodía, e de seis a nove da tarde, a diario. E poderemos visitar, ademais e entre outras, as exposicións sobre oleiros de Buño e dos carteis de todas as mostras, así como o ecomuseo do Forno do Forte, formado polas antigas casas-obradoiro de varias familias alfareiras, que estará aberto de once a dúas e de cinco a nove.
Motofesta en Ponteceso
Cartel da Motofestas de Ponteceso
Se che gusta o mundo das motos, recomendámosche pasar, a partir do venres, por Ponteceso. Os días 2, 3 e 4 terá lugar na vila da desembocadura do Anllóns a Motofesta, que chega xa a súa XXVIII edición.
Haberá rutas, show acrobático con Juck Stunt e, como non, comida, bebida e espíritu de festa. E sortearanse, ademais, dúas entradas para o mundial de Superbikes en Jerez.
Trinta euros custa a inscrición (un pouco máis caro se te apuntas á ruta e a comida do sábado), e poderás aforrar uns euriños se te preinscribes.
Festa da Praia no Ézaro
Mocidade, diversión e música danse cita nunha contorna ben fermosa, onde o río Xallas cae ao océano na que é a única fervenza europea que morre sobre o mar.
O venres, 2 de agosto, será noite de rock, con "A banda de Poi", "The Lakazans", "Recambios Tucho" e o dj Ruben Martínez. E o resto da fin de semana estará protagonizado polas orquestras: América SL e Ciclón o sábado, e Estrellamar, o domingo.
Ademais, haberá durante toda a fin de semana moito deporte: con campionato de volei praia, clasificable para o campionato galego, maratón de fútbol praia, e xogos populares, como carreiras de sacos ou tiro da corda, xogo das cadeiras ou o baile do cañoto. E o domingo ao mediodía, sardiñada popular gratuita.