Un sábado de moito deporte en Razo
Surf en Razo
Este sábado, música e deporte daranse a man no festival Sereas e Piratas en Razo. A xornada será un concentrado de surf, volei praia, skate e capoeira.
Coincidindo co festival, celebraranse o Campionato de Surf Interclubes, no que participarán diversas escolas de surf. Ademais, terá lugar a segunda edición do torneo de volei-praia Sereas e Piratas e o campionato open de skate en minirampla. E, quen teña curiosidade pola capoeira, poderá probar na clase ao aire libre que se organizará de balde.
Torneo de volei praia
Volei praia en Razo
O nordés parece que non vai acompañar o sábado, así que haberá que esperar ao venres para que a organización decida se o torneo se pode celebrar ou non. Se as previsións resultan favorables e o vento deixa que a competición se poida levar a cabo, os partidos iniciaranse ás once da mañá e rematarán a iso das sete da tarde. Ao redor das seis e media xogaranse as semifinais e as finais. Xa hai apuntadas parellas da Coruña, Camelle, Noia, Carballo Pontevedra ou Rianxo.
O obxectivo da organización, porén, é que cada vez compitan máis persoas de Carballo, dado o éxito que a práctica deste deporte ten en Razo, onde, cada día, xogan ao redor dunhas 150 persoas (o dobre nalgunhas ocasións) nos catro campos do areal. O volei praia permite continuar no verán coa práctica do volei, un deporte con gran arraigo en Carballo dende o nacemento da asociación deportiva Xiria na localidade a principios dos oitenta.
Aula aberta de capoeira
Capoeira
Se queres probar a ver que tal se che dá a capoeira, terás tamén oportunidade de facelo este sábado, e de balde.
A sesión estará organizada pola Asociación Capoeira de Bergantiños, que forma parte da asociación Abadá, comprometida coa difusión desta arte brasileira en diferentes partes do mundo.